Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Alejandra e Rubén celebran en ‘Casamos!’ unha voda posposta

Á terceira irá a vencida para unha parella máis namorada ca nunca, que quere pechar o ciclo da súa historia festexando con familiares e amigos

Alejandra e Rubén, os protagonistas desta noite do espazo ‘Casamos!’, levan case 20 anos xuntos. Comezaron sendo veciños do mesmo edificio, pero apenas tiñan trato, ata que un fallo no coche de Alejandra uniu os seus camiños.

Rubén axudou a Alejandra neste imprevisto e dende aquela a súa relación foi máis estreita, ata que xurdiu o amor. Axiña foron vivir xuntos e chegaron os dous fillos da parella.

Agora, máis namorados ca nunca, Alejandra e Rubén decidiron pechar o ciclo da súa historia e casar nunha voda onde festexarán con familiares e amigos a súa felicidade. E non foi sen tempo... porque esta será a terceira vez que a parella intenta casar. Tiveron que pospoñer a voda en dúas ocasións por mor da pandemia. Irá a vencida nesta ocasión?

A REVISTA.Hoxe visitan o estudio de ‘A Revista’ Julia López e o seu fillo Gustavo. Esta anciá de 90 anos segue activa tras o mostrador do negocio familiar en Santiago de Compostela: Foto Sandine. Formada como mestra, cambiou de profesión ao casar e desde entón rexenta o negocio que abrira o seu home. Leva toda unha vida traballando entre instantáneas.

Por outra parte, o programa contará coa presenza de Juanjo López, director do Centro de Maiores de Pontevedra, que hai uns días denunciara a soidade á que se ven abocados moitos anciáns internos nestas datas. Desde o chamamento, recibiron centos de felicitacións de Nadal para os internos, ademais de ofertas para acompañalos nos seus paseos ou levarlles agasallos de Nadal. Contará no espazo matinal da TVG a sorprendente resposta que está a recibir a iniciativa.

Ademais, acompañarán a Loly Gómez a instagramer Clara Redondo, que falará do coidado das plantas no inverno, e o lingüista da CRTVG Paulino Novo, que cada semana lles axudará aos espectadores a ampliar o seu coñecemento do galego, cunha nova sección sobre palabras na lingua propia.

Pola súa parte, o cociñeiro do programa matinal ‘Estache Go’, Iván Mariñas, preparará receitas para o Nadal, con polo e peixe, pratos económicos para as festas con produto fresco, que tamén amosará como mercar na praza.

ESTREA DOCUMENTAL ONDE MÁIS DOE. Dentro das súas ‘Noites Temáticas’, a G2 estrea este martes o documental ‘Onde máis doe’, unha produción de Xamalú Filmes dirixida por Manane Rodríguez. Esta película sobre a violencia de xénero, baseada no caso do parricida de Oza, pretende estar nas antípodas do tratamento sensacionalista co que adoitan tratarse estes temas.

En maio de 2017, despois de ameazar durante anos a súa exparella, Marcos M. matou a golpes de pa o seu fillo de 11 anos. Un ano despois, un xurado popular condenouno polo asasinato, por matalo facendo pleno uso das súas facultades mentais. ‘Onde máis doe’ aborda un feito en que concorren a violencia, o acoso, o asasinato dun neno para danar a nai e a ameaza de morte que aínda pende sobre a muller.

20 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
TVG
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.