Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Amarelles, picapaus e frautíns para Rogelio Groba

Cando a música aniña no corazón dun neno a maxia da vida énchese de luz e de soños. Así lle aconteceu a Rogelio Groba, un rapaciño nado en Ponteareas en 1930 que veu ser un dos compositores máis prolíficos e notables da Historia da Música Galega dos nosos tempos.

Velaí o principal obxecto do álbum O neno Groba e Música, volume animado pola fundación que leva o nome do autor e que ve luz acompañado dun valioso CD no que se recollen composicións súas interpretadas pola Orquestra Sinfónica de Londres, a Orquestra de Cámara Galega e a Banda Municipal da Coruña.

O neno Groba e Música relata os días cheos de amor á música nos que ten discorrido a existencia do afamado mestre. A crónica desta andaina vital parte dos textos de Lidia Fraga e confórmase na narración de Luis Iglesia, quen desprega neste álbum un traballo delicado de evocación dunha nenez chea de amarelles, picapaus chiadores e frautíns, amais da lembranza dun tempo de intensa formación en conservatorios e escolas diversas, que rematou por dar os seus froitos nos abondosos logros profesionais e o recoñecemento final deste gran músico, labor que se ve complementado polas coloristas e imaxinativas ilustracións de Julio Seijas.

O labor musical do mestre Rogelio Groba abraia pola súa calidade e amplitude: óperas, ballets, sinfonías, concertos, cantatas, música de banda e cámara... Non hai xénero que non teña practicado con admirable excelencia. Por iso O neno Groba e Música é un álbum-CD ideal para mellor o coñecer e comprender o intenso vínculo que o uniu de sempre á terra e ás harmonías do país galego, estivese onde estivese, pois ten vivido fóra de Galicia moitos anos e viaxado por toda parte.

Sexan parabéns, xa que logo, aos artífices e animadores deste audiolibro, feliz publicación que deleita na lectura, na ilustración e na música.

armandorequeixo@hotmail.com

28 dic 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito