Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Amnistía Internacional considera desmedida a sentenza do rapeiro Pablo Hasél

Para esta organización, “a expresión política é esencial para un debate informado e dinámico sobre cuestións de interese público e as persoas que se dedican á arte e á música desempeñan un papel crucial en cuestionar o status quo e inspirar o pensamento crítico”

A entrada de Pablo Hasél no cárcere foi exclusivamente para cumprir condena polo art. 578 do Código Penal, que prohibe o enaltecemento ou a xustificación do terrorismo. Un artigo definido de forma demasiado xeral e imprecisa que criminaliza un gran abano de expresións que non acadan o grao necesario para constituír unha incitación directa á violencia. Recibe pena de prisión e inhabilitación por enaltecemento e penas de multa ademais de por enaltecemento por inxurias contra a Coroa e inxurias contra as Institucións do Estado. Para profundizar máis no tema falamos con Amnistía Internacional, que lanzou unha campaña en apoio ao rapeiro.

- Amnistía Internacional lanzou unha campaña en apoio a Pablo Hasél, por que?

Desde Amnistía Internacional levamos anos facendo campaña pola reforma do Código Penal en relación cos artigos que vulneran a liberdade de expresión, pedindo que se elimine o delito de enaltecemento do terrorismo do Código Penal, así como o de inxurias contra a Coroa ou o delito de ofensa contra os sentimentos relixiosos.

O seu caso, así como o doutras persoas usuarias de redes sociais, xornalistas, profesionais do dereito e artistas musicais, forma parte do informe publicado por Amnistía Internacional en 2018, “Tuitea... se te atreves. Como as leis antiterroristas restrinxen a liberdade de expresión en España”. Este informe denuncia como estas persoas foron procesadas en virtude do artigo 578 do Código Penal, que prohibe o “enaltecemento “ do terrorismo, e a “humillación das vítimas dos delitos terroristas”, reprimindo expresións de índole política ou provocativa, sobre todo nas redes sociais e a comunidade artística do país. Facemos campaña para que ningunha das disposicións do Código Penal poidan criminalizar expresións e creacións artísticas amparadas polo dereito á liberdade de expresión.

- Consideran inxusta e desmedida a sentenza?

Amnistía Internacional considera efectivamente que é inxusto e desproporcionado que Pablo Hasél entre no cárcere. Non se poden penalizar expresións que non incitan de maneira clara e directa á violencia.

O dereito á liberdade de expresión non é absoluto, e o dereito internacional permite establecer límites ao seu exercicio pero estas restricións deben estar establecidas na lei dun modo claro e accesible, só poden imporse para certos fins lexítimos específicos (como no caso da apoloxía do odio, protexer os dereitos doutras persoas), deben ser manifestamente necesarias, é dicir, a medida menos intrusiva que acade o fin perseguido e deben ser medidas proporcionais sen menoscabar o propio dereito á liberdade de expresión. Co obxectivo de protexer a seguridade nacional, os Estados poden penalizar a incitación a cometer un delito de terrorismo pero unicamente cando se fai unha declaración coa intención de animar deliberadamente outras persoas a cometer un delito recoñecible cunha probabilidade razoable de que o leven a cabo e cando exista unha relación causal clara entre a declaración e o delito.

- Ten consecuencias para a sociedade española o encarceramento do rapeiro?

O impacto é devastador sobre todo para as persoas: cuantiosas multas, longos períodos de exclusión do sector público, penas de cárcere... e tamén hai unha consecuencia intanxible para toda a sociedade española: a autocensura por medo a sufrir a represión. Falamos dunha lexislación xa sinalada pola ONU por vulnerar dereitos humanos mesmo antes da súa entrada en vigor o 1 de xullo de 2015 cando catro relatores das Nacións Unidas denunciaron como as reformas que tiveron lugar aquel ano tanto do Código Penal como da Lei de Seguridade Cidadá socavarían os dereitos de manifestación e expresión en España.

- As manifestacións que nun principio xurdiron na súa defensa, cren que continuaron no tempo para lanzar unha queixa sobre como está a situación actual para a xuventude do país?

A visión pola que traballa Amnistía Internacional é a dun mundo en que todas as persoas gocen dos dereitos proclamados na Declaración Universal de Dereitos Humanos de Nacións Unidas, sendo un dos nosos obxectivos protexer o dereito de todas as persoas a expresarse libremente. O obxecto desta campaña é para que a lexislación se adecúe aos estándares internacionais dos dereitos humanos e velar para que estes se cumpran. Tamén nos preocupan os dereitos á liberdade de reunión pacífica e información en relación cos que desde Amnistía Internacional poñemos o foco no retroceso que se produciu no seu exercicio desde a aprobación no ano 2015 da reforma da Lei de Seguridade Cidadá.

A esta situación que levamos anos sinalando temos que engadir un contexto de pandemia no que documentamos casos de arbitrariedade policial na imposición de multas que tiveron lugar durante o estado de alarma, en relación a isto en xuño de 2020 publicamos un informe despois de analizar 61 casos de persoas que sufriran violacións e abusos contra os dereitos humanos durante o Estado de Alarma.

Así Amnistía Internacional tamén reclama a reforma urxente da Lei de Seguridade Cidadá para garantir o pleno desfrute dos dereitos á liberdade de expresión, reunión, manifestación e acceso á información para toda a cidadanía.

- Que outra medida consideran que se tería que ter tomado?

Todo discurso que poida ser considerado como intolerante por un sector da poboación, debería poder ser confrontado, pero con medidas alternativas que non impliquen a imposición de sancións penais ou administrativas, tales como campañas de sensibilización e educación.

- Cren que o encarceramento do rapeiro é dar pasos atrás na democracia?

A expresión política é esencial para un debate informado e dinámico sobre cuestións de interese público e as persoas que se dedican á arte e á música desempeñan un papel crucial en cuestionar o status quo e inspirar o pensamento crítico. É por iso que o dereito á liberdade de expresión protexe mesmo mensaxes e declaracións que ofenden, escandalizan e molestan. Porén, aínda nos queda camiño para deixar de encher a listaxe de países que condenan artistas polo que din, cantan ou escriben e aliñar a nosa lexislación aos estándares internacionais de dereitos humanos. Pero xa vai sendo hora de que este Parlamento leve adiante dunha vez a eliminación dos artigos do Código Penal que atentan gravemente contra este dereito, piar fundamental de todo Estado social e democrático de dereito.

- Que opinan do feito de que na mesma semana que o rapeiro fose encarcerado, un grupo de neonazis se concentrasen en Madrid para renderlle culto á División Azul e para mostrar comportamentos xenófobos cara aos xudeus?

Amnistía Internacional defende o dereito de todas as persoas á liberdade de pensamento, conciencia, relixión, opinión e expresión, tal como se establece na Declaración Universal de Dereitos Humanos, no Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos e noutros tratados internacionais de dereitos humanos. Recoñece, aínda así que tal dereito non é absoluto e pode estar suxeito a certas restricións para garantir que non entra en conflito con outros dereitos como, por exemplo, o dereito a non sufrir discriminación.

Neste sentido é importante lembrar que as normas internacionais de dereitos humanos establecen que toda postulación do odio nacional, racial ou relixioso que constitúa incitación directa á discriminación, a hostilidade ou a violencia contra un grupo vulnerable, o que se adoita coñecer como “apoloxía do odio” debe prohibirse. Tamén establecen que este tipo de restricións da liberdade de expresión non só deben estar prescritas pola lei senón que deben, sobre todo, ser necesarias e estritamente proporcionais ao obxectivo lexítimo de loita contra a discriminación racial. A loita contra a discriminación racial esixe non só a tipificación penal da discriminación, senón unha resposta integral por parte das autoridades con medidas orientadas á educación e sensibilización. Mais esta resposta integral segue a estar pendente tal e como sinalou o Relator de Nacións Unidas sobre formas contemporáneas de racismo, discriminación racial, xenofobia e outras formar conexas de intolerancia.

O Estado español carece dun diagnóstico exhaustivo e actualizado da discriminación existente en especial contra os colectivos máis vulnerables (persoas xitanas, migrantes) que inclúa unha análise sobre a eficacia das medidas adoptadas ata o momento. Tampouco conta, a pesar das recomendacións do Relator e doutros organismos internacionais, cunha sólida lexislación antidiscriminatoria que recolla as obrigas internacionais de España nesta materia e ofreza unha protección efectiva a todas as vítimas de discriminación.

En relación a isto, resulta salientable o Plan de Acción de Rabat sobre a prohibición da apoloxía do odio que sinala sobre a imposición de sancións que é esencial facer unha coidadosa distinción entre a) formas de expresión que deberían constituír un ilícito penal; b) formas de expresión que non son perseguibles penalmente pero poderían xustificar unha demanda de natureza civil, e c) formas de expresión que non dan lugar a sancións criminais nin civís pero que en todo caso suscitan preocupación en termos de tolerancia, civismo e respecto cara as conviccións de terceiras persoas.

02 mar 2021 / 19:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.