Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Antela Editorial une LIX cun proxecto solidario e comprometido

Sempre é unha boa nova a aparición de iniciativas que unen a Literatura Infantil e Xuvenil de calidade co compromiso co labor social, o coidado do medio e o talento creativo local, como é o caso de Antela Editorial, un fermoso e solidario proxecto ao que lle desexamos moito éxito. Cun espírito comprometido, acaba de sacar do prelo dúas obras colectivas, Soños de Cajamarca e Sueños de Cajamarca, con ilustracións da cuberta de Iván R, nas que de maneira desinteresada participa unha nómina de autores recoñecidos da LIX galega e castelá, algúns premiados co Nacional de LIX, dedicando parte da recadación á ONG Aulas Abiertas Comedores Escolares do Perú.

Soños de Cajamarca acolle catorce achegas de autores moi coñecidos galegos, como son An Alfaya, Miguel Alonso Diz, Rebeca Álvarez, Concha Blanco, María Canosa, Paula Carballeira, Ramón Caride, Xavier Estévez, Antonio M. Fraga, Antonio García Teijeiro, Carlos Labraña, Iria Misa, Pere Tobaruela e Antía Yañez. Nas súas páxinas dáse cabida a fermosas e breves historias narrativas realistas nas que a vella tía Cleo axuda a escribir un manifesto contra a discriminación e unha nena aprende grazas á súa avoa o valor da solidariedade para cos máis necesitados.

Outras abeiran cara ao fantástico con animais humanizados que viven divertidas aventuras a cabalo dunha nube; nenas e sereas que se fan amigas; nenos que falan con avós falecidos; tres irmáns, Pulga, Ogro e Gata, que perdidos no bosque pasan a noite cunha bruxa moi particular; un neno que se atopa cunha velliña quen lle advirte do seu destino; un trasno e unha esquía que fan unha viaxe para desfacer un feitizo; e un axente que envía os seus divertidos informes desde a súa misión na Terra, onde descubre o valor dos sentimentos. Mais tamén composicións poéticas que falan do poder das verbas, da necesidade e forza da empatía, de obxectos cotiás, elementos naturais e escola, ademais dunha pequena pequeza dramática protagonizada por Peter Pan.

No caso do volume castelán, son quince achegas con nomes como Ana Alcolea, Joan Manuel Gisbert, Alfredo Gómez Cerdá ou Jordi Sierra i Fabra.

m.fboo@udc.es

03 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.