Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Aposta pola música galega con 131 concertos en ‘Directos Xacobeo21’

Orzamento de 400.000 mil euros para unha iniciativa que busca reactivar a actividade empresarial no sector // A iniciativa, que é impulsada pola Consellería de Cultura, desenvolverase en 35 locais

A música galega é a absoluta protagonista do novo programa da Xunta Directos Xacobeo’21 en Salas, que ata finais do mes de outubro ofrece 131 concertos de 108 artistas e bandas galegas en 35 locais de música ao vivo de toda a comunidade.

Segundo explicou onte o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, a iniciativa conta cun orzamento de 400.000 euros para contribuír á recuperación da actividade empresarial e artística neste ámbito e, con tal fin, deseñouse como unha das medidas do Plan autonómico de Reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos que tivo a covid-19.

O goberno autonómico, que asume o financiamento íntegro deste programa, conta para o seu desenvolvemento coa colaboración da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura, que se encarga da súa xestión e coordinación como a entidade máis representativa no eido profesional da música.

Román Rodríguez, que estivo acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, destacou as liñas xerais e obxectivos prioritarios de Directos Xacobeo’21 en Salas no transcurso do acto de presentación, que tivo lugar no Náutico de San Vicente do Mar, no Grove, un dos 35 escenarios que acollen esta programación.

Interviñeron tamén Alberto Grandío, presidente de Clubtura; Javier Prado, vogal da asociación Músicas ao Vivo, e Miguel de la Cierva, propietario do Náutico, ademais de contar coa actuación musical do grupo Blues do País.

O conselleiro en funcións salientou a aposta por parte da Xunta á hora de favorecer a recuperación do sector da música ao vivo a través de diferentes proxectos recollidos no plan de reactivación dos sectores cultural e turístico, como é o caso desta iniciativa e outras como o ciclo Galicia Emerxe, o apoio aos festivais adheridos á marca FEST Galicia ou accións como o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21 que inclúe iniciativas musicais, audiovisuais e de artes escénicas.

Precisamente, Román Rodríguez subliñou que este proxecto abre unha nova vía de apoio aos artistas e salas privadas de música ao vivo, ás que recoñeceu o seu valor como piares fundamentais do sector musical en Galicia e como punto de partida e de lanzamento de multitude de carreiras profesionais. Do mesmo xeito, agardou que esta proposta sirva para impulsar a nosa comunidade como un referente cultural e musical de primeiro nivel aproveitando a cercanía do Xacobeo’21.

Directos Xacobeo’21 en Salas, que arrancou a pasada semana con oito concertos no Barco de Valdeorras, Bueu e A Coruña, celebrarase con asistencia de público, atendendo ás medidas respecto á capacidade e ás condicións hixiénico-sanitarias que, en cada momento, dispoñan as autoridades competentes. Ademais, serán gravados e editados para a súa posterior retransmisión a través de www.directosxacobeo.com/.

Os responsables das 35 salas participantes foron os encargados de elixir as súas respectivas ofertas musicais como parte deste ciclo, a partir de todas as propostas artísticas galegas, de moi variados estilos musicais, recibidas por Clubtura mediante unha convocatoria aberta pola asociación na súa páxina web.

Estes carteis despregaranse en 16 escenarios da provincia da Coruña, 13 na de Pontevedra, catro na de Ourense e finalmente dúas en Lugo.

Para esta mesma semana están programadas outras 11 citas de Directos Xacobeo’21, como a ofrecida onte por Ejazz en Laxe, onde hoxe actuará Santi Araujo. Tamén esta noite terá lugar no Barco de Valdeorras un concerto de Amaro Ferreiro, quen mañá mércores tocará no Grove.

Ademais, en Mos recibirase o venres 7 a Stoned at Pompeii e o sábado 8 a García MC. A programación da fin de semana incluirá tamén outra cita o sábado, con Soul Jacket en Boiro, e dúas o domingo 9: Enxeito en Bueu e Marcelo do Bode en Vilar de Santos.

Todo versa sobre a idea de recuperar pouco a pouco a actividade previa nun dos sectores máis castigados por mor da crise provocada pola pandemia da covid-19.

Todos os concertos son gravados a multicámara e poden verse no canal youtube.

05 ago 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito