Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Arcadio López-Casanova. Poeta total

    ...e veñen acó, ó meu carón, as

    lembranzas

    tal flairas de olvido,

    ou ramallas de luz esnaquizadas,

    coma se un río de pedra escura

    tradeara

    os apousentos da noite,

    aqueles largacíos anos meus,

    todo o meu senvivir...

    “A.L-C. Na casa grande d’O Páramo”

    Desde 1963, da súa quinta e da miña, veño acompañando a sabor a poesía de Arcadio Lçópez-Casanova, “corda a corda / sen perder comba”, por debaixo dos pés e por riba da cabeza, ata ver culminada a estatura enteira de poeta maior. Divinal esta entrega -cifra e resumo- As voces da máscara, título que lle acae, sen dúbida, polo que di e representa no monólogo reiterado, palabras inzadas, postas de pé, na extensión dramática. Máscaras son as do autor, múltiple e unánime. As voces, sonas tamén: plasmación solemne e magnífica da outredade, da alteridade. Ese diálogo dentro/fóra do eu e do outro, resolto aquí como una dilución do ser nunha envolvente abarcadora (interior/exterior) onde o de fóra absórvese como intimidade remota que nos dispensa abolir distancias e a asimilar calquera elemento da realidade emocional, como noso propio. É o amor (eros ou agape) quen condensa e impón na vivencia poética, desde dentro e desde fóra, o estado de contemplación que neste poemario se dá.

    Construído cando menos en tres escenarios tan distintos como transferibles: o Histórico, o Mítico e o Íntimo, o libro ordénase clasicamente en tres partes, a medial vai de intermedio (nunca de recheo) das outras dúas. Trepia pois dispositiva, precedida do Pórtico que como tal nos grandes poemas antigos, detalla e indica o que virá despois, e polo pronto, o propio poema: “Nós, os encadeados”. No último, o Epílogo: “Salvación en Ondara” partido por gala en dous. Alguén, amigo, achegou en louvor de López-Casanova “... e polos recursos literarios do seu galego”. Hai que propasar: o uso do galego que lle é propio, patrimonial e dialectal -pechadamente lugués- vén ser curso máis natural nos limos do fondo, lustre primordio no río da fala principal. Os outros son vans recursos, artificios -que os ten- declarados literarios, que aí están na escrita neobarroca, naturalmente. As antigas verbas obedecen ao seu mandado, nunca abolidas polo que se ve. Seguen a ser as palabras da estirpe, manseliñas.

    Canto máis recito estes versos menos sei aqueles que prefiro máis: uns e outro, outros e uns, nesta Cantata fermosísima, Oratorio solemne e terrible entre o devalemento e a desposesión. Fai ben anos, hipócrita lector eu, que non me chega poemario mellor -se algún hai- en lingua de meu e noutras.

    O floreo da dicción, no escandir, no acentual, nos acordes dese teclado negro sobre branco, na forma inmóbil, na tonalidade reiterada, nos retrousos, nas voces -nos berros- da tribo. O verso prodúcese por dispersión ou retracción, sempre compulsivo, sen permitir baixada tonal ningunha, dono e señor o poeta da fluencia, por veces ao trote, outras ao paso, sempre pautada dun ir e vir de ondas. Nesa colosal épica da derrota, Crónica do desamparo -unha e coral individuo e nación: Casa de todos labramos. Poemas de excelencia manifesta nestes cantos nada pisanos por certo, dun poeta que no Aquinate autorizaría o “splendor ordinis”, na suma da súa obra, feita toda ela para quedar. Nestes mesmos, dezaoito, revelan e celebran cada un a epifanía creadora, iluminación ou pasmo. Poemas de categoría superior, aqueles sempre poucos, aos que o Poeta -dicía Wistan H. Auden- halles estar sinceramente agradecido. Arcadio, árcade irredento, ten cativado, cando máis, un succès d’estime que non de público, nin inmensa minoría, ben mesmo entre xentes do ramo dos poetas chirles, que si, en cambio, recoñecen o talento do crítico López-Casanova, analista e sabio anotador, poñendo en esquecemento que a máis alta e xenuína consumación do creador é a lírica insomne de poeta total, irreflutable.

    Aqueos e arxivos que oístes o carballo de Dodona e á Pitia: gardade os nomes bárbaros, ide polo mundo proclamando:

    -quen é?,

    EU, ORESTES,

    o fillo escolleito que vos vingará

    por toda a infamia

    que calaron os sartegos,

    POIS QUE SEI OS SEUS NOMES.

    O meu amigo Arcadio acaba de írsenos fatalmente por ese camiño que nunca se desanda. Beizón.

    14 abr 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.