Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Arcadio na lembranza

Ó ‘Libro dos Amigos’ vanlle caendo páxinas e a lectura faise dificultosa. O sentido volvese cada vez máis inconexo e incompleto e invádenos unha longa sensación de desvalida tristura. A noticia da morte de Arcadio López Casanova, o meu amigo de xuventude, chegoume de xeito indirecto por outro amigo, Salvador García Bodaño, quen me preguntaba se tiña algunha noticia acerca do noso común amigo. As reviravoltas da retórica para se confirmar unha noticia sen mais requilorios que lle chegara e da que case ninguén sabía. O silencio e o desconcerto foi oprimindo a tarde ata que a suposta certeza foi facéndose un oco no corazón dos amigos.

Coincidimos Arcadio e mais eu, o primeiro día de clase, á entrada da aula na Facultade de Filosofía, no vello edificio da Universidade. Eramos once homes e unhas corenta e tantas mulleres. Fora Elisardo, o bedel, quen cun feixe de chaves ía abrindo cinco portas para que entrasen os alumnos dos cinco cursos nas aulas asignadas á carreira, situadas nun lateral do claustro. Cando entramos, xa falabamos entre nós. Alí mesmo xurdiu unha longa amizade que nos irmandou ademais de Xesús Mª Ferro e Xurxo Ricoi. Desde ese momento comezou unha constante identidade de proxectos e complicidades. Eramos moi novos, soñadores e esforzados aprendices do “Gai saber”. Todos albergábamos unha secreta arela de crear, na páxina da vida, ese poema, que gravitaba dentro, coa fermosa música das palabras, nado no silencio estelar dun universo palpitante.

Nos dous primeiros anos, os chamados “cursos comúns”, desenvolvimos unha grande actividade literaria. Desde as charlas no café aos recitais, pasando por canta colaboración cultural xurdise. Dese o primeiro intre, tamén formou parte do grupo Marina Mayoral, compañeira de curso e chea de azos literarios. Quen diría que aquel rapaz esguío e tímido, antes de rematar o mes de santos, foi premiado coa Flor Natural nas Xustas Poéticas de Lugo. A noticia difundiuse e Arcadio volveu investido de honores que os compañeiros e amigos celebramos. Recordo que o poema era dunha calidade que sorprendeu os que andabamos nas mesma lides de versos e rimas.

Ese foi o seu bautismo poético e o inicio da súa carreira poética e literaria. Arcadio tivo claro que o seu mester era a poesía e toda a súa vida foi dedicación e indagación plena e entrega ó arte da musa Erato. Coincidiron ademais desde o comezo, varios factores que marcaron a súa entrega: Foi un ávido lector de poesía, a parte dos volumes primeiro e cuarto da Escolma de Galaxia, que sabíaos case de memoria, así como un estudoso da estilística de Dámaso Alonso e Bousoño.

Un feito decisivo, que o marcou e non se pode pasar polo alto foi na homenaxe a Ramón Cabanillas no Paraninfo da Universidade. Cando escoitou recitar por primeira vez a Novoneyra :“As ondas do río devalaban lenes” quedou asombrado e anonadado. A musicalidade do poema impresionouno. Foi unha epifanía reveladora da forza misteriosa da palabra poética, de tal xeito, que (á saída do acto), Orfas abaixo ía recitando ensimismado o poema. A músicalidade, desde ese momento foi para Arcadio a clave esencial da súa poesía. Como raigaña substancial e formante principal que devén do mesmo significado envolvendo ó receptor e facéndoo partícipe do texto.

O principio de oralidade fundamenta a musicalidade do texto arcadiano. Dous metros, moi queridos por el, a cantiga trobadoresca e o salmo bíblico, son remozados tanto no arsenal rítmico como en imaxes e símbolos levado ós seus estremos máximos. En resume, un poeta que moldeou a nova poesía na bigornia da vella tradición.

Arcadio, meu amigo, cantos momentos inesquecibles vivimos (e moito rimos tamén) naqueles días luminosos da mocidade.

Agora que Arcadio, trobador de ausencias e de exilios, regresou á Casa Paterna, escoitará o rechouchío do rousinol furando a espesura da noite interior.

08 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.