Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Arousa, Vigo, A Coruña e Santiago acaparan o 61% da ocupación turística de Galicia

Os concellos costeiros captan as preferencias e soportan a maior presión // Case un de cada tres visitantes proceden de fóra da comunidade // En 2020 as noites totais en aloxamentos galegos achegáronse aos cinco millóns

Os visitantes, de dentro e de fóra de Galicia, pasaron case cinco millóns de noites en aloxamentos turísticos o pasado ano. O Instituto Galego de Estatística (IGE) concreta a cifra en 4.715.097, e matiza, ademais, que a demanda é moi desigual, concentrándose en catro grandes focos: os concellos que bordean a Ría de Arousa, Terras de Santiago, A Coruña e a Ría de Vigo e Baixo Miño. Estas catro áreas acaparan o 61,4% das pernoctacións rexistradas na comunidade en 2020. A cidade de Santiago de Compostela constitúe de seu un potentísimo polo de atracción de visitas, o principal, pero non son estancias duradeiras no tempo. Cando se contabilizan as noites en aloxamentos vemos, segundo os datos do IGE, que a zona da Ría de Arousa capta case o 20% do total da autonomía, seguida de Vigo-Baixo Miño (16,4%) e A Coruña-Mariñas (13,9). As Terras de Santiago marcan un 11,4% do total galego, sendo os seguintes destinos en importancia a Ría e Terras de Pontevedra (co 7,3%), a área de Ferrolterra (5,2%), Lugo e Terra Chá (4,5%) e a Mariña lucense (4,1%).


A CHAMADA DA COSTA

Hai apetencias e motivacións variadas á hora de escoller destino, pero unha cousa está clara, a Galicia litoral atrae con moita forza. Entre os cinco primeiros postos do ranking de noites sitúanse catro zonas que agrupan concellos costeiros. Concretando a análise para estes municipios obsérvase que o 68,5% das noites contabilizadas o ano pasado (3.231.316) pasáronse en aloxamentos situados en municipios con mar, que soportan unha presión turística media de 0,57 viaxeiros por cada 100 residentes. Este índice, matiza o IGE, varía moito duns lugares a outros. Os da Ría de Arousa (exceptuando os de Meis e Pontecesures, que non teñen costa) experimentan incrementos poboacionais da orde de 1,38 persoas por cada 100 residentes habituais por mor do turismo. Outros catro destinos superan a media galega: a Mariña lucense (0,76%), a Ría de Muros e Noia (0,61%), a Ribeira Sacra (0,61%) e Terras de Santiago (0,53%). No outro extremo están o interior de Pontevedra e algunhas zonas de Ourense, por exemplo Deza-Tabeirós (0,18%) e os concellos que conforman o destino Celanova-Limia, con 0,20 turistas por cada 100 residentes.


CASE O 60% DE FÓRA DE GALICIA

En canto á procedencia das persoas que se aloxaron nos distintos establecementos, o 58,5% das noites rexistradas en 2020 corresponderon a turistas de fóra de Galicia. Na meirande parte dos destinos considerados o peso do turismo foráneo superou ao galego. Así, en Santiago e nos concellos limítrofes supérase en 15 puntos a porcentaxe media galega: aquí o 73,5% das noites corresponderon a non residentes. Na Mariña Lucense, A Coruña e as Mariñas, Costa da Morte, Ría de Vigo e Baixo Miño tamén se supera a porcentaxe media de Galicia. Noutros destinos como a zona de Celanova-Limia, Deza-Tabeirós, Ría de Muros e Noia ou Manzaneda-Trevinca, a proporción entre residentes e non residentes está bastante máis igualada. De feito, nesta última zona, a porcentaxe de visitantes galegos (66,6%) supera claramente á de non residentes na comunidade.

28 may 2021 / 13:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.