Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Arrinca o Hub Audiovisual das Industrias Culturais con dous millóns de euros

Román Rodríguez presenta aos involucrados as liñas mestras dun programa que terá unha inxección de 9,6 millóns ata o ano 2023

O Hub Audiovisual das Industrias Culturais comeza a materializarse tras a publicación este venres no Diario Oficial de Galicia da primeira convocatoria do seu fondo para a atracción de rodaxes, dotada con dous millóns de euros.

Unha iniciativa cuxas liñas mestras presentou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, ás principais asociacións e empresas audiovisuais da comunidade.

Nas súas palabras, esta achega inicial supón o arranque dun “programa de apoio sen precedentes para acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais do sector”, que se traducirá nun investimento de 9,6 millóns de euros durante o período 2021-2023, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

A posta en marcha da Galicia Film Comission, as subvencións para o desenvolvemento de grupos de proxectos, o polo de talento do sector audiovisual, o plan creativo e empresarial para videoxogos e un fondo transversal para o conxunto da industria cultural son outras das principais iniciativas que serán desenvolvidas ao abeiro do Hub.

Rodríguez estivo acompañado por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, que por vez primeira xestiona de maneira directa este tipo de fondos europeos.

Como explicou o conselleiro, as liñas de axuda “non substitúen nin solapan, senón que complementan” as convocatorias anuais de subvencións que mantén o seu departamento neste ámbito.

Na súa intervención, incidiu tamén na capacidade de resiliencia e adaptación dos profesionais galegos do cinema e da televisión fronte á situación provocada pola pandemia, e lles agradeceu a súa colaboración para o desenvolvemento “rápido e eficaz” do proceso de deseño dos principais polos de acción deste Hub Audiovisual.

“Estamos a asistir a unha eclosión do noso audiovisual, favorecida pola gran demanda de contido de ficción, impulsada sobre todo polas grandes plataformas, pero tamén pola existencia dunha serie de compañías locais que están a ser un referente no ámbito nacional, con talento e profesionalidade demostrados e alta capacidade para promover e xestionar producións de elevado orzamento”, sinalou o conselleiro.

Neste sentido, explicou que o Hub Audiovisual dá resposta a este momento de madurez do sector, establecendo un “polo dinamizador da actividade, que prolonga e reforza o compromiso da administración galega con estes profesionais arredor de tres eixos principais: desenvolver o potencial competitivo, reforzar a creación de emprego tanto nas industrias creativas como nas auxiliares e xerar un efecto tractor, que convertan a Galicia en referente da produción audiovisual”.

“Queremos que contribúa a reforzar e reafirmar a marca Galicia, coa que seguir convertendo a comunidade nun escenario idóneo para producións e nun distintivo de calidade en canto aos seus produtos audiovisuais”, engadiu.

Así, a liña para o fomento e promoción de rodaxes, de concesión automática en concorrencia non competitiva, terá como beneficiarias as empresas galegas co obxectivo de realizar proxectos xunto con produtoras, canles e plataformas de fóra.

As entidades adxudicatarias desta primeira convocatoria -á que se sumará a primeiros de 2022 unha segunda, dotada con outros dous millóns de euros- poderán exercer ben como coprodutoras destes traballos, cunha participación igual ou superior ao 20 %, ben como provedoras de servizos de produción, acreditando a realización dun gasto mínimo en Galicia fixado en un millón de euros para longas cinematográficas e de 1,5 millón para as series de ficción.

A intensidade da axuda vai ligada ao investimento na comunidade, podendo chegar ao 20 % deste gasto, cunha contía máxima de 350.00 euros, para as beneficiarias que sexan coprodutoras dos proxectos, e ao 10 % e 300.000 euros no caso da contratación de servizos audiovisuais. Estas subvencións supoñen, ademais, unha importante novidade no panorama audiovisual español ao optar pola concesión directa para a realización de rodaxes no canto de empregar a fórmula dos incentivos fiscais.

videoxogos
Plan de apoio

···As vías de apoio se estenden ao sector dos videoxogos e ao conxunto das industrias culturais. No caso do Plan de desenvolvemento creativo e empresarial dos videoxogos, a Xunta busca darlle resposta ao potencial do sector en Galicia e á necesidade de vertebración deste talento en varias áreas, apoiando a guionización, produción e comercialización de videoxogos, e o desenvolvemento de software.

10 sep 2021 / 17:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.