Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Artesanía innovadora, a tradición do futuro

Lara Pasantes Campaña. O encaixe de Camariñas é unha técnica tradicional que, grazas ao emprendemento, se está a facer un oco no mercado actual. “Quería darlle unha volta e non facer o clásico mantel ou tapete de toda a vida” explica Lara Pasantes, a veciña de Camariñas que, en 2017, decidiu embarcarse no proxecto Fiando Miúdo. Esta licenciada en arquitectura de interiores comenta que foi despois de ser nai cando decidiu iniciar esta aventura como autónoma, “e así concilio, traballo desde casa e podo facer o que me gusta”. Lara aprendeu a técnica do encaixe de bolillos dende os catro anos, na escola do Concello, e agora faina a protagonista de moitas das pezas que confecciona e vende en Fiando Miúdo: roupa, xoiería e incluso mobles. “Sobre todo despois da pandemia notei unha melloría bastante grande nas ventas”, comenta, algo que achaca a que “a xente valora moito o artesanal” unha tendencia que, como di, vai en aumento.

Elena Ferro. A marca Eferro é unha referente indiscutible da renovación dos oficios artesanais galegos . Elena Ferro, zapateira veciña de Vila de Cruces e terceira xeración que traballa no negocio familiar, conseguiu o que semellaba imposible: poñer o zocos no punto de mira. Coas súas pezas totalmente artesanais consegue mesturar un dos elementos máis emblemáticos da vestimenta tradicional galega cun deseño contemporáneo, facéndose lugar en revistas e pasarelas e colaborando con marcas coma Mercedes Benz, ou, máis recentemente, o Museo Estrella Galicia. Como explica, “a innovación é necesaria, porque non podemos quedar ancorados no pasado”, ao que engade que, aínda que ela provén e respecta a artesanía tradicional, “se fixera os zocos como os facía meu avó non podería vivir disto hoxe en día”. “A tradición é algo vivo que se vai adaptando aos tempos”, comenta, “e igual en cen anos se estuda o que facemos hoxe”.

Rosa Isabel Rodriguez. Enredaras é o nome do proxecto que hai dez anos naceu no seo da Asociación da Illa da Estrela. Como comenta Rosa Rodríguez, presidenta e unha das impulsoras do proxecto, era “diversificarse ou deixar de ser redeiras”, polo que decidiron darlle “outra vida a esas redes que non valen para o mar pero coas que se poden facer mil cousas para a terra”. Dende entón teñen traballado con empresas de renome nacionais, como PescaNova, e incluso internacionais, como a firma Loewe. As redeiras artesás de Corme non só confeccionan complementos, facendo así un oco para este oficio no mercado da moda e promovendo a reciclaxe, senón que tamén conseguen “dar visibilidade” a este oficio que, como indica a presidenta da asociación, moitas veces non se ten en conta que é imprescindible “para que os barcos vaian ao mar”. “É un oficio moi bonito” asegura, e do que, a pesar da falta de regulación, “se pode vivir”.

Julia de la Cal. Con La Parabólica, Julia de la Cal achega as formas máis tradicionais da cestería ao deseño e á actualidade, creando auténticas obras de arte revolucionarias a partires desta técnica artesá. “O proxecto xorde de forma moi natural” explica esta veciña do Porriño, que estaba estudando enxeñaría industrial en Barcelona cando, ao traballar con fibras vexetais, se “atopou coa cestería”. Julia presenta La Parabólica como un proxecto de deseño e cestería aplicada ao interiorismo, paisaxismo e docencia, xa que a divulgación mediante talleres e obradoiros é unha parte moi grande da súa actividade. “Hai moito descoñecemento” explica, e é que “algo tan común como unha cesta, en moitas veces a xente non se imaxina como se fai. É grazas a persoas como Julia que traballos artesanais como a cestería, que forman parte da historia e do patrimonio cultural de Galicia, se manteñen vivos e se adaptan a novos escenarios.

10 jul 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito