Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
César Pazos. Escritor

“As democracias funcionan se o pobo é culto e ilustrado”

{Sobre o autor} ‘La Comunidad de las Naciones’ (Libros Indie) é a primeira novela de César Pazos –que se presenta hoxe, ás 19.30 horas, na Biblioteca Ánxel Casal nun acto organizado pola libraría Couceiro–, á cal lle dedicou seis anos de documentación e análise e interpretación política e histórica do contexto galego, español e Europeo. Conta cunha carreira de 22 anos levando a dirección de ‘márketing’ dunha empresa tecnolóxica galega dentro do sector da construción que opera en toda Europa, e que alcanzou catro récords mundiais na súa especialidade. Con anterioridade participou como director de Publicidade no histórico xornal galego ‘A Nosa Terra’, posteriormente, entre os anos 1997 e 1998, colaborou co proxecto de alpinismo Desafío 8000 como coordinador desde Galicia.

Na súa novela está convencido de que a princesa Leonor reinará en 2080. Iso xa me parece ser moi optimista, César! Porque coa que está a caer...

Non creo que socialmente estea en cuestionamento a monarquía, e dígoo en base aos feitos que observo. Eu viaxo moito por toda España e practicamente non vexo bandeiras republicanas nos balcóns, ben sexa porque erroneamente se asocia ás esquerdas ou ben porque se ten asumida unha bandeira monárquica. E en canto aos escándalos do rei emérito, observo que se converteu nunha noticia rosa... un señor maior ao que lle gustan as mulleres e o diñeiro, máis non vexo debate serio nas rúas, é dicir, fóra do ámbito político, sobre dous modelos antagónicos, polo que, se segue así, creo que Leonor de Borbón será raíña no 2080.

Que similitudes existen coa actualidade que vivimos?

Comecei a escribir La Comunidad de las Naciones hai seis anos, daquela non me imaxinaba esta realidade política, pero as personaxes foron facendo as súas vidas e eu fun rexistrándoas sen manipulalas. E si, parece que poidan existir certas coincidencias, como a tensión política e a necesidade de acordos entre forzas políticas e institucións moi diferentes, polo ben común, a pesares dun contexto tan difícil no que se desenvolven as tramas, perfectamente descrito na Anaciclosis de Polibio, en La Comunidad de las Naciones estaríamos fronte o final da democracia e a entrada de pleno na Oclocracia, o goberno da chusma, desde onde xorden con forza a monarquía e no lonxe, agardando a morte da descomposta democracia, escoitánse os ruxidos da tiranía.

É verosímil a trama que recupera a cultura celta?

O mundo perdido dos celtas na miña novela supón o nexo común que une aos pobos de Europa nunha harmonía idílica grazas á saudade daquel tempo pretérito, na que os pobos vivían en simbiose coas deidades da natureza, que estes adoraban, é dicir, no ano 2080 sería a harmonía entre o mundo natural e o noso progreso. A ciencia ao servizo das persoas e o planeta. Sería posible unha nova filosofía política, transversal ás rancias esquerdas e dereitas, que pensase con madurez no respecto fundamental ao medio ambiente e a aceptación da diversidade natural dos pobos. Deixando atrás os perigosos supremacismos.

O nacionalismo galego, catalán e vasco van apoderarse de España? (Risas) Non, para nada. Os que pretenden apoderarse de España son dous modelos de tiranía que pretenden, novamente, uniformizala, que non igualala, destruíndo estes tres pobos e a súa maior arte e riqueza natural, os seus idiomas e historia, para vivir continuamente nun engano colosal.

En La Comunidad de las Naciones, curiosamente, dáselle a volta á tortilla. É dicir, Cataluña, Euskadi e Galicia organízanse nunha comunidade de nacións, así o permiten as constitucións do momento, e esta situación crea un prisma diferente ao actual no que na península eclosionan as nacións en igualdade. Pero as tres nacións históricas non se fían moito dos gobernantes españois, por iso, non contan con eles nesta nova comunidade.

E o amor, que non falte na historia, verdade?

Certo, a maxia curativa do amor. Amores non esperados que nacen no medio dos temporais previos á guerra e que fan sufrir e unir, a aqueles que non se esperaba que se namorasen. O futuro presidente de Galicia, Breixo Portela, e a enviada da Coroa, Elena Cueto, a ministra de Asuntos Exteriores. Viviremos con eles, romance, paixón, tensión nos seus respectivos bandos, quen lles acusarán respectivamente de traballar para o inimigo.

Di que “a novela foi lida por nove persoas para testar a opinión do público obxectivo. Ademais, documentouse ben. Era importante para vostede non perder a perspectiva?

Cando visualizaba o pasado e o futuro, necesitaba documentarme para comprender e sentir estes dous mundos distantes entre os que facían as súas vidas as personaxes, e así, comprenderlles mellor. Grazas a eles seguín os fenomenais traballos do Dr. Anselmo López Carreira, Historia de Galicia e O reino medieval de Galicia. Tamén puiden seguir o espantoso mundo que imos deixar aos nosos fillos e netos, de alta tecnoloxía máis con ríos históricos desaparecidos, si, tamén alarmas sanitarias que comezan en Ferrol, e a urxentísima necesidade de novas enerxías limpas, xa.

Ver aqueles mundos tan diferentes, un pasado fértil e un futuro tan espoliado e contaminado levoume a entender por que afloran, no 2080, novas alternativas políticas no Reino Unido, baseadas na cultura celta.

Despois de lela, cambiaremos a percepción de Europa e do mundo?

Debemos cambiala, xa. As democracias funcionan se o pobo é culto e ilustrado. Se coñecen as realidades, se non viven cunha venda nos ollos. Actualmente, se a humanidade, en España e Europa, fose unha persoa, é coma se esta abrise a súa cachola para quitarse a cortiza prefrontal do cerebro e perder voluntariamente a razón.

No derradeiro parágrafo dos agradecementos escribo: “Oxalá que, como un conxuro celta de Glenda, La Comunidad de las Naciones desterre para sempre a maldición de Adair que pesa sobre nós”...

Déixoa con este enigma.

A súa é unha historia épica e apocalíptica, pero con esperanza... Aínda podemos mudar as cousas?

O ser humano saíu de moitas. Pero estamos fronte a unha situación sen precedentes, que require un esforzo global moi grande e debemos educar sen pausa aos nosos fillos e fillas para o que se lles vén encima. Teñen que deixar de ver os superheroes e converterse eles mesmos neses heroes que o mundo necesitará. As súas armas, para triunfar, serán a ciencia, a confianza en si mesmos e o amor.

Presenta o seu libro hoxe na capital de Galicia, e ademais é o primeiro. Como se sente, César?

Unha novela é como un fillo. Estou moi ilusionado. A previsión inicial era presentala durante o pasado mes de outubro en Madrid coa editorial, Libros Indie, pero o ditoso COVID-19 e o azar leváronme ata Santiago de Compostela, que tanta presenza ten en La Comunidad de las Naciones. Unha importancia capital.

Animo a todas as persoas que teñan un oco a que se acheguen esta tarde á Biblioteca Ánxel Casal. Faremos que pasen unha tarde entretida cos videoclips realizados por actores profesionais de dobraxe. Por exemplo, poderán escoitarán a Leonor de Borbón con 75 anos, toda unha primicia, entre outras sorpresas.

Sinopse

No ano 26 a. C. líbrase unha épica batalla no Noroeste atlántico da península Ibérica, no territorio chamado Gallaecia, onde os lexionarios de Publio Carisio asedian a maxestosa e próspera cidade celta dos galaicos situada no cume da mítica montaña do Medulio. Un pobo celta que, tras cen anos loitando pola súa liberdade, enfróntase nunha última ofensiva contra a escravitude e a desaparición do seu mundo. As consecuencias daquela gran batalla terán o seu eco no futuro, sobre os descendentes dos galaicos e os celtas, sobre o pobo galego e europeo.

A mediados do século XXI, unha conferencia de eruditos do Reino Unido expón unha nova forma de facer política para Europa baseada na cultura celta. Unha solución política para os grandes desafíos aos que se enfronta o vello continente e a humanidade, o cambio climático e o choque de civilizacións... pero a finais de século o mundo divídese en dous bloques para a conquista da Lúa en busca do isótopo helio-3, o novo petróleo, a solución enerxética sostible e ecolóxica que o mundo necesita urxentemente. Pero o presidente do goberno europeo, Bernad Lapoint, é advertido de que o pobo español está ao bordo do conflito bélico debido ao crónico problema territorial e poden frustrar os colosais investimentos que a curto prazo necesita Europa.

18 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.