Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

As desventuras dun peculiar gato de cor amarela

O álbum ilustrado Qué mal día, gato Klops! (Hércules, 2021), de Estefanía Padullés relata a historia dun gato, vítima sucesiva dos mosquitos que non o deixan durmir en paz, a choiva incesante, as madeixas de lá e ata a irrupción de un par de veciñas entremetidas que fisgan. Da falta de sono á crónica pesadelo. Cando o pobre animaliño se atopa xa non só insomne, senón desesperado, a solución chega in extremis da man dunha providencial salamántiga, quen lle explica solícita como dirixirse a unha estrela fugaz para así lograr que se cumpra un desexo. Dito e feito!

A continuación, o sufrido felino, envolto nunha flamante bufanda, é agasallado nun restaurante de luxo, mentres a choiva cede paso ao arco da vella. Un happy end estelar. En suma, atopámonos ante o clásico motivo da interrelación entre o microcosmos e o macrocosmos, tan típica das mentalidades infantil e primitiva, adaptada ao nivel dunha mascota doméstica. Nada é demasiado pequeno para non merecer a distante atención dos astros.

As ilustracións son da propia autora, e, polo tanto, o seu carácter dual debía garantir en principio unha óptima sintonía co texto. Os fondos, a base de manchas, contrastan coas figuras, en cambio resoltas mediante formas ben pechadas. Por desgraza, non obstante, o protagonista, pese a un orixinal pelaxe amarelo, non alcanza o nivel de caracterización desexable, dado a variedade das súas peripecias e os distintos estados de ánimo que atravesa. É todo un acerto, por outra banda, o brusco contraste entre puntos de vista, caso do picado e contrapicado, que achega animación ás escenas e implica a cada paso de páxina unha nova posición de lectura.

En resumo, e parafraseando a frase feita acuñada por Lewis Carroll en Alicia no País das Marabillas, un gato ben pode mirar a súa estrela.

franciscojavier.cabo@usc.es

16 may 2022 / 00:09
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.