Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

As dúas Marías, historia dunha persecución

Quizáis uns dos nomes máis coñecidos e á vez menos postos en valor son os de María Fandiño Ricart (1898-1980) e María Argentina Coralia Fandiño Ricart (1914-1983), as irmáns compostelanas máis internacionais da nosa historia recente.

Cantos peregrinos terán unha foto con elas? Cantas veces terá contado un guía turístico a súa curiosa historia? Cantas noites terán sido o punto de reunión dos universitarios recén chegados á cidade? ‘As dúas en punto’, ‘As Marías’... Son moitos os alcumes entre os que escoller para referirse a elas, pero entre eles case non se atopan os seus nomes, Maruxa e Coralia.

As irmás Fandiño Ricart naceron no seo dunha familia traballadora coma moitas en Compostela, de pai zapateiro e nai costureira. Eran irmás de familia numerosa, e de feito historiadoras como Encarna Otero reflexan que acostumaban a ser tres as que paseaban xuntas polas rúas e ruelas da cidade, pero Sarita, -así se chamaba- morreu sendo moi nova.

Maruxa e Coralia, con todo, perduran hoxe en día do ideario popular, e seguramente queden presentes na historia da capital galega na perpetuidade. Elas, como o resto de fillos e fillas da familia Fandño Ricart, viviron viviron a súa xuventude nunha Compostela de comezos do século XX invadida pola ledicia dun futuro incerto pero cheo de posibilidades, coa República, o galeguismo e o progresismo.

Maruxa era a maior, a máis alta e tímida das dúas; e Coralia, a pequena e máis extrovertida, que aparece en moitas imaxes -e na estatua homenaxe- cun pano na cabeza. As súas roupas de cores e estampados, e maquillaxes chamativos facían delas un icono infundible da cidade, aínda que quizáis o máis recoñecible eran os seus andares, unha sempre ao lado da outra.

Pero as irmás cometeron un pecado imperdoable: ser parte dunha familia anarco-sindicalista cando comeza a Guerra Civil. Os seus irmáns eran coñecido dirixentes da CNT, e para dar con eles, foron a por elas. No 1936 comeza unha vida de persecución e represalias, que ficaron con elas ata a súa morte.

Con todo, cando hoxe se fala delas, parte inesquecible da historia recente de Compostela, non se fala de mulleres perseguidas por motivos ideolóxicos nin de víctimas do franquismo, senón de dúas irmás, estrafalarias e extravagantes, que polas tardes, ás dúas en punto, paseaban as rúas da cidade na búsqueda dalgún mozo universitario.

A represión que invadiu as súas vidas ficou con elas até a súa morte. Foron ‘tolas’ e ‘solteironas extravangantes’, obxecto constante de burla na cidade. “Chamáronlles ‘roxas’, tratáronas de ‘putas’”, narraba a historiadora Encarna Otero, unha das grandes biógrafas da súa vida, “O triángulo mortal e inquisidor que formaron Falanxe, Igrexa e Exército no franquismo triunfante tras a guerra esnaquizou a súa fraxilidade e a súa cabeza escachou coma o cristal.”

Elas, que foron perseguidas, sometidas a constantes vexacións polos falanxistas, obxecto de mofa e espidas tanto da súa dignidade como liberdade, atoparon na loucura “un mecanismo de defensa para sobreviviren”, dicía Otero.

Dúas mulleres que, ademais de ser castigadas pola vida, pola guerra e pola xente, foron a ser castigadas pola historia, que as lembrou durante moito tempo como mozas de “loucura inxenua” e non como vítimas dunha ditadura, aínda que a tendencia cambia grazas a obras como documental ‘Coralia e Maruxa, as irmás Fandiño’, de Henrique Rivadulla Corcón. Estreado no 2008, o filme amosa a dureza da súa vida, as constantes vexacións e a violencia endóxena que sufriron e como “moita xente viu nas Marías un berro de liberdade” ante a represión do réximen da ditadura.

Anos despois, a xornalista Aurea Sánchez publicaba o libro-ensaio ‘Las Marías de Santiago de Compostela. Representación de la identidad femenina en los medios de comunicación’, unha contribución de valor incalculable para amosar como foron, tamén, maltratadas polo ideario común e público ao longo dos anos.

Aínda que, quizáis, o elemento que máis as ancora ao presente e que aínda a día de hoxe as fai protagonistas das rúas de Compostela é a estatua que coroa a Alameda, instalada alí no 1994.

Feita a tamaño real por César Lombera, que empregou fotografías delas para representalas o máis fielmente posible, esta estatua será sempre unha homenaxe constante a estas dúas mulleres, e unha pequena mostra da pegada que deixaron na cidade.

É grazas a obras como estas, que nos permiten coñecer destas dúas irmás Fandiño algo máis que unha anécdota do pasado, coas que podemos ver máis aló do recordo diliudo que perdurou delas na historia. E, como dixo Encarna, “grazas” a elas, “mulleres ledas e riseiras, pola inmensa luz que lle destes gratuíta e xenerosamente a aquela Compostela tan escura”.

14 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito