Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

“As máquinas xa nos superan en tarefas que requiren competencias cognitivas”

O catedrático Senén Barro salientou, na apertura do novo curso da Academia Galega de Ciencias, a importancia que ten na nosa sociedade, tanto a nivel económico como social, a intelixencia artificial

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou onte o acto de apertura do seu curso académico 2023, no compostelán Pazo de San Roque. Ao evento asistiron o presidente da institución, Juan Lema, e o resto do equipo de goberno da Academia, outras académicas e académicos e diversas autoridades como o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a subdirectora xeral de Ordenación, Inclusión e Innovación Educativa, Inmaculada Fernández; Daniel Castro, do Grupo Parlamentario do BNG; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o vicerreitor de Política Científica da Universidade de Santiago, Vicente Pérez Muñuzuri; o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes; e o comandante director da Escola Naval Militar de Marín, Pedro Cardona; entre outros representantes de institucións políticas, culturais e académicas.

Juan Lema lembrou que “a vindeira semana cumprirase unha conmemoración importante. O 26 de xaneiro de 1973, fai case 50 anos, seis ilustres membros da Real Academia Galega, os profesores Vidal Abascal, Parga Pondal, Iglesias Iglesias, García-Sabell, Fraguas y Fraguas e Torres Enciso acordan a creación da Academia de Ciencias Galega e solicitan do Ministerio de Educación e Ciencia a autorización correspondente. Na súa visión clarividente conciben unha entidade con fins científicos e sociais en beneficio da cultura galega, unha visión que seguimos compartindo os membros da RAGC”.

RECURSOS. “Con recursos moi limitados pero con moita ilusión, o conxunto de académicas e académicos temos un soño: Promover a ciencia e a tecnoloxía e a súa influencia na sociedade, difundindo a cultura e valores científicos, creando opinión desde a independencia, para contribuír ao desenvolvemento social e económico de Galicia”, manifestou Juan Lema. Nesta liña, indicou que “a través de conferencias, ciclos de estudo e publicacións, agora tamén distribuídas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, tratamos de achegar temas do máximo interese á sociedade. Recentemente abordamos as enerxías limpas, a loita contra o cancro, as estratexias fronte á Covid, o cambio climático ou avances en sistemas produtivos no sector agroforestal; actividades que contaron cunha asistencia de máis de 10.000 persoas nos últimos catro anos. Tamén cómpre salientar o noso recoñecemento ás traxectorias profesionais, a traballos científicos ou a accións de transferencia de tecnoloxía coas que pretendemos contribuír a esta integración ciencia-sociedade”.

O presidente fixo referencia aos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística, segundo os cales entre 2000 e 2021 Galicia experimentou un crecemento en PIB per cápita de máis dun 26%, o máis elevado de España. Galicia é a sexta comunidade autónoma en termos económicos globais e a décima en PIB per cápita, escalando sete posicións e sobrepasando a comunidades como Valencia ou Asturias. “Non obstante, este crecemento económico non se veu reflectido na evolución dos nosos indicadores científicos. Así, no estudo efectuado pola RAGC o pasado ano constátase que Galicia está a perder posicións relativas con respecto a España, pasando da posición novena en produción científica per cápita en 2010 á décimo terceira en 2020. É notable a mellora da calidade e cantidade da nosa produción científica, pero este incremento non resulta suficiente para manter o nivel desexado”.

“Por tanto”, engadiu, “cómpre un esforzo adicional de todos os axentes implicados: universidades e centros de Investigación, Xunta de Galicia e Deputacións, empresas, sindicatos, partidos políticos e organizacións civís. E por iso propoñemos de novo a formulación dun Pacto pola Ciencia no que se implique o conxunto da sociedade, un compromiso moi amplo coa ciencia e a investigación que fora a base dunha política de país a medio e longo prazo, un pacto no que estamos dispostos a participar con entusiasmo”, concluíu Juan Lema.

LECCIÓN MAXISTRAL DE SENÉN BARRO. No transcurso do acto, o académico numerario da Sección de Ciencias Técnicas da RAGC Senén Barro (As Pontes, 1962) impartiu unha lección maxistral baixo o título Intelixencia Artificial: o noso último invento. Na súa intervención, salientou que “a intelixencia artificial é un dos campos científico-tecnolóxicos máis activos e cun maior impacto social e económico na actualidade”. Apuntou que “aínda que a intelixencia artificial comezou con intentos de modelar o pensamento humano como vía para avanzar tanto no coñecemento do noso cerebro como para desenvolver máquinas capaces de imitalo, a día de hoxe, despois de sucesivos períodos de luces e sombras, vivimos unha aproximación moito máis pragmática, que busca desenvolver sistemas que empregan a IA na resolución de problemas”.

O académico puxo de relevo que “se ben non temos aínda unha forma de cuantificar ou medir a intelixencia dun dispositivo, en xeral podemos dicir que unha máquina ou programa informático posúe intelixencia (artificial) cando o sistema ten unha autonomía e riqueza de comportamento significativas en dominios dinámicos e complexos”.

E engadiu: “A través da IA as máquinas xa son capaces de superarnos en moitos dominios ou tarefas concretas, non só físicas, senón tamén, e cada vez máis, as que requiren competencias cognitivas, como no recoñecemento de imaxes, no diagnóstico baseado en imaxes médicas ou sinais fisiolóxicas, na tradución entre linguas... e xa non digamos no xadrez ou en calquera outro xogo de estratexia”.

17 ene 2023 / 00:54
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito