Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

As primeiras probas do Celga deste ano terán lugar en maio e xuño

O prazo de inscrición e o pagamento da taxa abrirase o próximo luns e pecharase o 8 de abril

Santiago. A Xunta publicará este venres a convocatoria para inscribirse nas probas que permiten obter os certificados oficiais que acreditan os niveis de coñecemento da lingua galega, os Celga. Como indica a convocatoria, a realización das probas dos Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 está prevista, como é costume, para os meses de maio e xuño en Santiago e Ponferrada.

As datas das probas así como os lugares para facelas publicaranse máis adiante no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Lingua Galega.

Como en anteriores convocatorias, o prazo para presentar as solicitudes de inscrición e, consecuentemente, o do pagamento da taxa correspondente -16,92 €- irá do próximo luns 21 de marzo ata o venres 8 de abril.

Tanto as solicitudes como o xustificante de pagamento poderán presentarse a través da sede electrónica da Xunta ou de modo presencial.

Esta convocatoria de probas Celga é a primeira que a Xunta efectúa en 2022 e, se as circunstancias o permiten, a previsión é que, como o ano pasado, volva publicarse unha segunda convocatoria para realizar máis exames antes de que remate o ano.

Ademais, de cara á preparación destas probas, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, anunciou este xoves en rolda de prensa a ampliación da oferta dos cursos de autoformación ofrecidos pola Consellería de Cultura.

Desde hai un ano, ofrécese un curso de autoaprendizaxe en liña do Celga 1, no que ata o de agora se inscribiron máis de 3.000 persoas, “o que dá conta do grande interese que este espertou e que motivou a seguir apostando por este tipo de formación, ampliándoa a outros dous niveis”, indicou.

Deste modo, a Xunta estivo a traballar, en colaboración cun equipo de especialistas en formación e ensino da lingua galega e mais da Amtega, no desenvolvemento do curso de autoaprendizaxe en liña do seguinte nivel; é dicir, do Celga 2, e do curso de autoformación do Celga 4.

García salientou que “este é sempre o máis demandado pola cidadanía, tal e como se vén constatando ao longo destes anos no número de persoas que solicitan os cursos Celga titorizados ou que se inscriben nas probas para a obtención do certificado oficial que acredita este nivel de coñecemento da lingua”. ecg

17 mar 2022 / 18:20
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.