Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Aumenta a cuantía do convenio anual entre Cultura e a RAG

Cunha achega de máis de 550.000 euros, reforzaranse as actividades, os traballos sobre patrimonio léxico e de investigación sociolingüística impulsados desde a Academia

SANTIAGO DE COMPOSTELA. A Xunta de Galicia vén de renovar a colaboración coa Real Academia Galega (RAG), que este ano se incrementa un 7 % a súa achega ata máis de 550.000 euros para contribuír tanto a manter as actividades culturais e de investigación lingüística da institución como para impulsar de xeito conxunto diversos actos arredor da figura de Xela Arias, a quen a RAG dedica o Día das Letras Galegas, e a conmemoración do centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, asinaron o convenio para dar continuidade á súa colaboración permanente que nos últimos anos está a permitir apoiar gran parte dos proxectos da institución. Atención especial merecen os traballos iniciados para potenciar os recursos tecnolóxicos da Academia así como procesos de dixitalización e renovación de fondos a través da rede.

Dado o vencello histórico que a Real Academia Galega ten coa figura de Emilia Pardo Bazán, en cuxo domicilio da rúa Tabernas está a súa sede dende o ano 1978 por doazón das herdeiras da escritora, e onde está instalada a Casa Museo e grande parte do seu arquivo e biblioteca persoal, o convenio contempla nesta ocasión apoios ás actividades que nos próximos meses se celebrarán co gallo do centenario da autora de Los pazos de Ulloa, actos que están programados tanto en Madrid, en colaboración coa Biblioteca Nacional, Acción Cultural Española e a Comunidade de Madrid, como na cidade da Coruña.

Ao abeiro deste convenio, a Consellería de Cultura contribuirá tamén a que a RAG achegue de xeito temporal varios dos seus fondos a outras mostras expositivas sobre Lolita Díaz Baliño ou para a itinerancia de Galicia, de Nós a nós. Entre outras, tamén se xestionará o depósito dunha medalla académica histórica para exposición permanente da Casa Museo de Ramón Cabanillas en Cambados, que está a piques de abrir as súas portas despois da súa musealización.

TERMINOLOXÍA E LEXICOGRAFÍA .Ademais, continuarase coa actualización e renovación do Dicionario da RAG e o Dicionario bilingüe castelán-galego, que a institución espera poder presentar contra finais do presente ano, e mais cos traballos do Portal das Palabras, no que participa tamén a Fundación Barrié, publicando e divulgando de xeito periódico contidos lexicográficos inéditos. Tamén se dará continuidade e se reforzarán proxectos sociolingüísticos como o mapa escolar ou a base de datos Galex, así como outros sobre terminoloxía e lexicografía.

Do mesmo xeito, está prevista a realización de actividades culturais impulsando a edición científica no marco da Academia e a adquisición e dixitalización de publicacións. Igualmente se promoverán accións arredor do Día das Letras Galegas, Día dos Arquivos, Día do Patrimonio, Día das Bibliotecas, entre outras. Complementariamente o convenio sufraga, ademais, labores de mantemento e xestión da institución.

O apoio da Xunta á Real Academia Galega enmárcase no seu traballo por promover e divulgar o estudo e uso da lingua galega. O Goberno autonómico colabora de xeito regular coa Academia para estas accións de investigación e tamén para accións relacionadas coa toponimia, con investimentos superiores ao medio millón de euros ao ano. ECG

26 mar 2021 / 10:54
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.