Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 16 mayo 2021
02:00
h

Baltar e o director Alfonso Zarauza levan a Ourense a rodaxe do filme ‘Malencolía’

O presidente da Deputación prevé “unha das grandes estreas do ano” e destaca localizacións como a Ribeira Sacra, que será patrimonio da Unesco, ou unha cidade histórica e literaria tamén vencellada ao cinema”

OURENSE. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director de cine Alfonso Zarauza asinaron este martes un convenio de colaboración para a rodaxe do filme Malencolía, unha produción de Maruxiña Film Company realizada integramente en galego e que comezará o vindeiro 17 de maio en localizacións dos concellos do Irixo e Boborás. “Seguro que un novo éxito de Alfonso Zarauza, logo deses nove galardóns conseguidos nos premios Mestre Mateo, que nos permitirá seguir coa aposta que desde o goberno provincial fixemos hai tempo para converter a Ourense nun inmenso plató para producións audiovisuais, potenciando tamén o Festival Internacional de Cine no que esperamos se poda estrear esta longametraxe”, destacou Baltar no acto desenvolvido no Liceo.

O presidente provincial e o director estiveron acompañados polo produtor executivo, Martín Calviño, e pola meriande parte dos actores que integran o reparto, entre eles Melania Cruz, Xulio Abonjo, Diego Anido, Ledicia Sola e Tito Asorey.

Manuel Baltar subliñou que Ourense “ten moitos lugares que encaixan en todas as historias posibles, como a Ribeira Sacra que será patrimonio da Unesco e unha cidade histórica e literaria tamén vencellada ao cinema, dándose así todos os requisitos necesarios para que esta produción sexa unha das grandes estreas do ano”. Celebrou tamén que Zarauza “pousara os seus ollos na comarca do Carballiño, iniciando unha alianza que agardo sexa a primeira de moitas, xa que tamén estivo a ver outras localizacións que seguro que serán perfectas para novas historias que podan xurdir”, felicitando á produtora e ao director pola gran aposta que están a facer polo audiovisual galego.

Alfonso Zarauza, que tamén destacou “o talento galego que se está a visibilizar tanto a nivel nacional como internacional”, agradeceu pola súa banda “o acertado apoio que a Deputación de Ourense presta ao cinema porque apostar pola cultura non so enriquece espiritualmente, senón que tamén xera riqueza económica, e iso tamén fai poderoso a un país”.

O director e produtor gabouse por sacar adiante unha produción “netamente ourensán xa desde o seu propio título, pois a malencolía é un concepto do poeta ourensán Curros Enríquez que define un estado de ánimo fermoso que é a felicidade de estar triste”.

Engadiu que o filme, no que se mesturan os xéneros do terror e a comedia, abordará “temáticas que se utilizaron moito na literatura e na cultura galegas, pero que teñen pouco uso no cine actual, como é a nosa rica tradición literaria e cultural dos contos de medo, que queremos retratar nesta película nunhas paisaxes marabillosas”.

Cunha produción integramente galega, con técnicos e actores do país, Malencolía comezará a súa rodaxe o 17 de maio e prolongarase ata finais de xuño, na súa meirande parte en escenarios do Concello do Irixo e con localizacións en Boborás e O Carballiño. O filme narra a historia dunha parella galega (Xulio Abonjo e Melania Cruz) que logo de dez anos de residencia en Berlín deciden dar un novo rumbo a súa vida regresando a Galicia, onde mercan unha casa nunha aldea que cren abandonada pero na que vive unha señora (Iolanda Muíños) coa que manterán unha relación un tanto curiosa. ECG

04 may 2021 / 14:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.