Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Baltar reivindica a relevancia ourensá nos postulados do pensamento de Nós

Esa Xeración centrou un videodebate que organizou a institución provincial de Ourense

Ourense. O presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar, reivindicou onte o protagonismo de Ourense “como a base do movemento político, social e cultural que representou o galeguismo da Xeracións Nós”, sobre cuxos postulados considerou que “están plenamente vixentes e son perfectamente actualizables” agora.

Manuel Baltar fixo onte estas afirmacións durante o videodebate organizado pola institución provincial baixo o título A vixencia do pensamento político de Nós e no que participaron o presidente do Partido Nacionalista Vasco (PNV), Andoni Ortúzar; o presidente do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi; o secretario xeral de Compromiso por Galicia, Juan Carlos Piñeiro; a filóloga, Pilar García Negro, e o avogado Lluís Recoder, intervindo como moderador o presidente do Centro PEN Galicia, Luis González Tosar.

O presidente provincial defendeu o protagonismo ourensán nas orixes de Nós pois “máis aló dos límites administrativos como provincia temos sentimento de pertenza a unha terra, a Ourensanía, que xurdiu dunha corrente política e cultural propia a través da Irmandade Nazonalista Galega e do Partido Nazonalista Republicano de Ourense”, facendo neste contexto unha mención explítica a Rodolfo Prada Chamochín, “o patriota dos Peares cuxos restos foron repatriados pola Deputación e rescatados do máis noxento dos esquecementos, que é o esquecemento institucional”.

Sinais fundamentais. O moderador Luis González Tosar cualificou a aparición en 1920 da Revista Nós como “un fito fundamental na historia de Galicia, que cambiaría o rumbo da concepción xeral do noso país”.

Justo Beramendi, presidente da xunta reitora do Museo do Pobo Galego, situou o a orixe do nacionalismo galego como a resposta a un Estado “cun férreo centralismo e unha Galicia subdesenvolvida, onde o agrarismo era o principal movemento social da época”.

A escritora e filóloga Pilar García Negro centrou a súa intervención nas chamadas palabras e expresións “talismán ou abracadabra” deste movemento: pobo galego, modernidade, reencontro, lingua, soberanía estética da nación, o propio concepto de Nós e a simbiose política e cultural.

Andonia Ortuzar, presidente do PNV, referiuse a este videodebate como unha “Galeusca telepresencial” e reclamou que ademais de vixencia sobre os postulados do nacionalismo “haxa tamén futuro, facendo un esforzo desde Euskadi, Cataluña e Galicia para seguir fortalecendo o espírito das nosas identidades”.

Pola súa banda, o avogado e político catalán Lluís Recoder sinalou que “parece evidente que desde a Xeración Nós son moitas as cousas que mudaron, pero malia os anos transcorridos aínda hai moito que cambiar e retos comúns ás tres comunidades”.

Por último, o secretario xeral de Compromiso por Galicia, Juan Carlos Piñeiro, avogou por “aprender e recuperar a memoria, identidade e actividade que desenvolveu o cenáculo de Ourense, transformado despois na Xeración Nós”. ECG

18 dic 2020 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.