Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Begoña Graña obtén o XVII Premio Pura e Dora Vázquez de narración

‘Adrán e a fábrica de xeo’ propón xogos por medio de experimentos cun valor pedagóxico

Santiago. Begoña Graña Suárez, médica do servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (Chuac), vén de gañar coa obra Adrán e a fábrica de xeo (presentada baixo o lema Xío) o XVII Premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez, na modalidade de narración, dotado con 1.500 euros e que convoca a Deputación de Ourense.

O xurado, que se reuniu onte no Pazo Provincial, destacou da obra premiada o seu propósito docente, “cun valor pedagóxico engadido ao ser capaz de propoñer xogos por medio de experimentos”.

A obra afonda nas relacións interxeracionais, e pon o foco en temas de actualidade, como o dos migrantes, dando así unha perspectiva intercultural, coa vida na aldea, que presenta como unha existencia en liberdade.

O traballo gañador “ten unha perspectiva de divulgación científica, con grande diversidade textual, pois aparecen receitas e experimentos que ofrecen ademais unha oportunidade moi interesante de aprendizaxe, cunha linguaxe sinxela e que se presta moi ben a ser ilustrada”, sendo este un dos compoñentes importantes deste premio, explicou a organización.

O xurado estivo presidido pola deputada provincial de Cultura, Patricia Torres, e integrado como vogais por José Manuel Fernández López, Luis Gulín Iglesias, Isabel Mociño González, Xoán Xosé Rodríguez González e Rochi Nóvoa, actuando como secretaria Ana Malingre.

A obra gañadora é a primeira publicación non científica que realiza Begoña Graña Suárez, quen desde 2014 traballa como médico especialista no servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, onde dedica unha relevante parte da súa actividade diaria á investigación.

Premio extraordinario de doutorado da Universidade de Santiago en 2016, durante a súa formación clínica e investigadora, a doutora Graña traballou en prestixiosos centros internacionais de tratamento, estudo e investigación do cancro, ademais de participar en varios proxectos de investigación, publicar diversos artigos en revistas de ámbito internacional e difundir os resultados do seu labor en múltiples eventos e reunións autonómicas, nacionais e internacionais. redacción

01 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.