Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Berta Cáccamo xa foi incorporada ao ‘Álbum de Galicia’

Carlos L. Bernárdez asina a biografía dunha das máis destacas figuras da pintura galega

O profesor, ensaísta e comisario Carlos L. Bernárdez asina a entrada que se acaba de incorporar ao Álbum de Galicia, a de Berta Cáccamo (Vigo, 1963-2018).

Esta creadora foi unha das máis relevantes figuras da pintura galega da súa xeración. Destacou pola súa personalidade, aberta e solidaria, e deixou unha fonda pegada no medio artístico. Pintora e docente soubo conectar as súas inquedanzas artísticas coas do contexto internacional.

“Estamos ante unha artista intensamente reflexiva que, a partir dunha actitude de rigorosa investigación formal, inseriu as súas procuras nos debates sobre o sentido da pintura no contexto internacional” explica Carlos L Bernárdez na entrada biográfica de Berta Á Cáccamo. Nela fai un percorrido pola súa formación así como da súa evolución como artista.

Cáccamo comezou a súa formación en Belas Artes na Facultade de San Jordi de Barcelona. Alí continuou cos seus estudos de doutoramento que rematou na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, centro no que despois exercería a docencia ata o ano 2013.

A súa traxectoria veu acompañada, desde moi nova, de importantes recoñecementos que lle permitiron tamén ampliar a súa formación en París e en Roma. Recibiu o II Premio XXI Bienal de Arte da Deputación de Pontevedra (1990), o seu traballo foi seleccionado na VII Biennal Jove Pintura Contemporánea da Caixa de Pensións en Barcelona en1988 e, un ano despois, recibe o Premio Ciutat de Palma en Mallorca.

A súa obra vai sufrindo un proceso de depuración continuado. Parte dun peso importante do matérico e elabora obras que son produto dunha longa xestación e, co tempo, vai gañando entidade o puramente plástico, os pigmentos e a mancha dotados dunha fonda contención.

Na súa evolución artística hai unha redución cun forte peso do baleiro, da entrada a estética orienta onde a intención da artista non é describir sensacións senón suscitalas. Como apunta o autor da entrada, pásase do “representar” ao “expresar.”

Na obra final de Berta Cáccamo o signo –aquel signo augural dos seus primeiros lenzos- foi transformándose en fluído, en berro, nun proceso que nos leva desde as tramas circulares até a mancha, planos formais que conforman un auténtico contraposto. Mantense, porén, unha actitude común coa obra anterior. Concrétase na vontade de evitar o espectacular, de dar sempre preferencia a un rigor que acaba por configurar unha especie de expresionismo ascético.

A entrada inclúe tamén varios artigos de diferentes publicacións (Grial, A Trabe de Ouro...) que axudan a entender a relevancia da súa figura e o seu proceso creativo; así como varias obras da artista publicadas en distintos números da Festa da palabra silenciada e Andaina.

En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa.

A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas.

14 jul 2021 / 19:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.