Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Boa dose de amor, esperanza e solidariedade na época do COVID

Unha vez máis, Edicións Xerais de Galicia amosa o seu compromiso por unha LIX galega de temática social con apostas firmes e decididas, como é o caso de A Tropa contra o virus (2020), do escritor vigués Alberto Avendaño. O relato, artellado en cinco capítulos breves, está protagonizado por Monchiña e Floreano xunto con outros compañeiros que forman a denominada Tropa. En pleno estado de alarma, a parella recibe unha mensaxe en clave que os advirte da presenza da COVID-19 en Galicia e que provoca que ambos os dous decidan unirse á Tropa Contra O Virus, cuxo obxectivo era claro: “identificar, deter e destruír o virus”.

Do conxunto de personaxes que conforman a obra, cómpre mencionar a figura de Floreano, caracterizada por unha grande carga humorística e encargada de dotar o relato de comicidade, mediante un discurso repleto de enxeñosas comparacións (referíndose á forma do virus como un “bandullo con coroa” ou un “balón de fútbol picado de cornetas”) e divertidos xogos de palabras relacionados coas novas tecnoloxías (p. e. “nasas sociais” para aludir ás “redes sociais”) ou cos antropónimos (chamando á doutora Peralta “Pedra Alta”). Así, as disparatadas intervencións do personaxe ao longo de toda a obra conseguen provocar a risa do lector, chegando mesmo a empatizar con el pola inxenuidade e sinceridade que o caracteriza.

Tamén hai que salientar o labor do creador dos personaxes que protagonizan a obra, todos eles sobradamente coñecidos polos lectores do Faro de Vigo. Non é outro que o debuxante grovense Gogue, colaborador do referido xornal durante máis de vinte e cinco anos e que conta no seu haber con varios libros no mercado.

Sen dúbida, unha excelente proposta de lectura, especialmente para os máis novos, por tratarse dunha obra que amosa valores importantes como o amor e a esperanza nestes tempos de coronavirus nos que “ciencia e solidariedade son as claves do éxito hoxe e sempre”.

lau_kilmas@hotmail.com

01 feb 2021 / 00:40
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.