Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Boom na RAG: 38.524.018 consultas no seu dicionario

Medraron case un 50% con respecto ao ano 2019 // Este recurso funciona desde 2013

O Dicionario da Real Academia Galega (RAG) superou en 2020 as 38.500.000 buscas, máis de 105.000 ao día de media. As consultas medraron case un 50% con respecto ao ano 2019, cando xa se producira un incremento por riba do 18% con respecto ao 2018 e se chegara ás preto de 26.0000.000 procuras. A entrada en vigor do primeiro estado de alarma por mor da pandemia marcou un punto de inflexión e rexistrou a marca histórica de buscas no mes de maio de 2020, que pechou con máis de 4.800.000.

O Dicionario funciona dende o ano 2013. Dende entón, a súa utilidade social fíxose aínda máis evidente en pleno confinamento, cando milleiros de persoas tiveron que teletraballar e os estudantes continuaron co proceso de aprendizaxe de xeito telemático. Está dispoñible na páxina web da institución, en academia.gal, e a través do Portal das Palabras, o proxecto de divulgación do noso léxico posto en marcha en colaboración coa Fundación Barrié, que apoia ademais a actualización tecnolóxica do Dicionario e das súas aplicacións para iOs e Android.

As reunións presenciais das seccións e dos seminarios da RAG suspendéronse durante o confinamento, pero a actividade científica da institución proseguiu. O Seminario de Lexicografía, responsable da revisión e da actualización do Dicionario, incorporou case un cento de lemas e realizou modificacións en case trescentas entradas, tanto para engadir acepcións, fraseoloxía, sinónimos ou antónimos como para mellorar a redacción das definicións e dos exemplos.

Moitos dos lemas que se incorporaron son palabras que se popularizaron na fala cotiá en plena pandemia. É o caso de asintomático, covid-19, coronavirus, gotícula, desescalada, teletraballo ou triaxe.

14 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.