Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Brais Lorenzo recibe o XXXI Premio Xosé Aurelio Carracedo reivindicando o labor do fotoxornalismo

O presidente da Deputación de Ourense entregoulle o galardón destacando “a súa acreditada traxectoria e cun traballo que mereceu o eloxio unánime do xurado”

OURENSE. O fotoxornalista ourensán Brais Lorenzo recibiu este luns de mans do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o XXXI Premio de Periodismo Xosé Aurelio Carracedo -dotado con 3.000 euros-, un certame que convoca anualmente a Deputación de Ourense para pór en valor o xornalismo de calidade que se fai en Galicia. Trala entrega do diploma acreditativo do galardón, que tivo lugar no Pazo Provincial, Baltar destacou “a acreditada traxectoria de Brais Lorenzo como fotoxornalista e cun traballo que mereceu o eloxio unánime do xurado”, engadindo que estamos “ante un dos grandes fotógrafos de Galicia e, para a Deputación, que Brais Lorenzo gañe este premio supón un prestixio para o galardón”.

O presidente do goberno provincial trasladoulle os parabéns e remarcou que facer a entrega deste premio “no Día Internacional da Liberdade de Prensa, tendo como lema: “A información como un ben común”, define tamén o que representa o magnífico traballo de Brais Lorenzo, centrado na pandemia do COVID-19, imaxes que trasladan a crueza dos duros momentos e a realidade vivida”.

Pola súa banda, Brais Lorenzo salientou “a honra que supón recibir o Premio Carracedo nunha data tan sinalada e na miña propia casa (Ourense), xa que non se adoita ser profeta na propia terra”. “Estou moi contento tamén polo que supón de reivindicación do fotoxornalismo, unha profesión apaixonante pero moi deostada nos tempos actuais, onde reina a precariedade e na que, moitas veces, hai que pagar por traballar”. Tamén tivo palabras de lembranza para os xornalistas españois recentemente asasinados, Roberto Fraile e David Beriain, exercendo o seu traballo xornalístico, que é o que nos une e nos leva a plasmar con tanta paixón a realidade que nos rodea; foi o que eu tentei facer coa pandemia, nun momento no que fomos os ollos da sociedade cando estivo confinada”. Lorenzo dixo que o labor xornalístico “sempre é importante, pero coa pandemia quedou máis contrastado, se cabe, que somos necesarios e que hai que exercer un xornalismo honesto, libre e de calidade”.

O xurado ditaminou por unanimidade premiar o traballo de Brais Lorenzo, “que achega unha mirada humana e de gran carga emocional, proxectando as historias da pandemia desde Ourense e Galicia ao resto do mundo”, e puxo de relevo “a capacidade de Brais Lorenzo para identificar a iconografía da pandemia, elementos que, a través das fotos, se converten nunha referencia”, destacando tamén que as imaxes foron tomadas nos primeiros momentos da pandemia, “historias contadas cunha excelente calidade técnica e cunha mirada persoal que dotan a este traballo dunha singularidade especial”.

Brais Lorenzo (Ourense, 1986), é técnico superior de Fotografía pola Escola de Arte Superior e Deseño Antonio Faílde de Ourense e graduado en Xeografía e Historia pola Universidade de Vigo. Desde 2010 traballa como colaborador da Axencia Efe e de varios xornais. Asemade, traballou con ONGs como Greenpeace e colabora coa Cruz Vermella en Ourense. Os seus traballos foron incluídos en diversas exposicións fotográficas en España, Etiopía, Portugal, Italia, Estados Unidos e Corea do Sur, e foi recoñecido con numerosos premios nacionais e internacionais como o SINIF de fotografía firepress, o News Photo Award, e o Sony World Photography Awards, entre outros. ECG

03 may 2021 / 12:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.