Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Caen as demandas de ruptura matrimonial en Galicia

Durante 2020 descenderon un 6,8 % respecto ao ano anterior // A comunidade, no cuarto trimestre, sitúase en 5,7 peticións por cada 10.000 habitantes, por debaixo da media do resto de España

O número de demandas de ruptura matrimonial (separacións e divorcios) presentadas en Galicia en 2020 descendeu con respecto a 2019. O ano pasado nos xulgados da comunidade rexistráronse 5.180 procedementos deste tipo, un 6,8 % menos que no período anterior, cando se contabilizaron 5.560, segundo os datos feitos públicos hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Os divorcios consensuados pasaron de 3.184, no ano 2019, a 2.900, en 2020, o que supón un descenso do 8,9 %. Os non consensuados tamén baixaron un 16,6 %, de 2.516 a 2.098. O ano pasado contabilizáronse 125 separacións de mutuo acordo, un 19,9 % menos que en 2019, cando se rexistraron 156. O informe tamén reflicte unha diminución dun 10,9 % das separacións contenciosas, ao pasar de 64 a 57. En 2020 interpuxéronse dúas peticións de nulidade matrimonial, as mesmas que no exercicio anterior.

Poñendo en relación as demandas de ruptura matrimonial coa poboación ao 1 de xaneiro de 2020, Galicia, no cuarto trimestre do ano, situouse en 5,7 peticións por cada 10.000 habitantes, por debaixo da media estatal (6,1).

O ano pasado iniciáronse 573 procedementos de modificación de medidas de mutuo acordo, un 8 % menos que en 2019, mentres que as demandas de modificación de medidas non consensuadas foron 1.596, o que supón un descenso do 11,4 %.

En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, rexistráronse o ano pasado 1.037 demandas de modificación de medidas consensuadas, o que supón un aumento do 14 % con respecto ao período anterior. As demandas non consensuadas, pola contra, descenderon, pois pasaron de 1.325, en 2019, a 1.227, en 2020, un 7,4 % menos.

Datos a nivel nacional

Todos os tipos de demanda de disolución matrimonial presentadas no ano 2020 mostraron importantes reducións interanuais, cunha diminución conxunta do 13,3 por cento respecto a 2019, segundo os datos recolleitos polo Servizo de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial feitos públicos hoxe.

En concreto, as 54.960 demandas de divorcio consensuado foron un 11,4 % menos que as de 2019; as 36.090 demandas de divorcio contencioso, un 15,7 % menos; as 2.697 de separación consensuada, un 16 por cento menos; e as 1.235 de separación contenciosa, un 18,3 % menos. En 2020 presentáronse 78 demandas de nulidade fronte ás 100 presentadas en 2019.

Poñendo en relación as demandas de disolución matrimonial do total do ano coa poboación ao 1 de xaneiro de 2020 apréciase que o maior número de demandas de disolución por cada 10.000 habitantes deuse na Canarias, con 23,6. Seguíronlle a Comunidade Valenciana, con 23,5; Illas Baleares e Murcia, con 22,4; Andalucía, con 21,4; Cataluña, con 20,6; Cantabria, con 20,4 e Asturias, con 20,2. Todas elas superaron a media nacional, que foi de 20 demandas de disolución matrimonial por cada 1.000 habitantes.

As comunidades autónomas que se situaron por baixo desa media foron Castela e León, con 16,4; País Vasco, con 16,8; e Aragón, con 16,9.

08 mar 2021 / 10:48
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.