Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Camela e a cantante Lorena Gómez, unidos no ‘Land Rober’

Dioni e Ángeles pisarán por primeira vez xuntos o estudio do programa, onde, van descubrir o talento que hai en Galicia

O Land Rober Tunai Show recibe este xoves un dos dúos máis queridos do panorama musical español: Camela. Dioni e Ángeles pisarán por primeira vez xuntos o estudio do programa, onde, ademais de presentar o seu novo álbum, Que la suerte te acompañe, van descubrir o talento que hai en Galicia en tema de dúos, tríos e grupos.

O espazo presentado por Roberto Vilar contará hoxe coa presenza doutra estrela musical: a recoñecida artista Lorena Gómez. Con ela volve o Que me estás contando?. Ademais, na ficción, os espectadores asistirán ás andanzas de dous pilotos que teñen unha encomenda en que Camela ten moito que ver.

A REVISTA. O programa A Revista visitará hoxe en directo un dos templos do cocido en Galicia: o lucense Mesón de Crecente, que leva case un século alimentando padais e cuxos donos teñen que facer matanza cada 20 días para atender a alta demanda de comensais. O seu cocido ten moita sona en toda Galicia e iso fai que en canto arrefría un pouco tempo non sexa tarefa sinxela conseguir unha mesa en fin de semana e xa teñen reservas para Reis.

No día en que España afronta o seu último partido na fase de grupos ante O Xapón, o espazo da TVG volverá falar do Mundial de Qatar, para o que contará coa presenza do xornalista deportivo Terio Carrera. Ao coincidir por primeira vez a celebración dunha cita mundialista en período lectivo, falarase da picaresca que desenvolven os estudantes para poder ver os partidos na clase, da que dará conta o director do IES Antón Fraguas, Carlos Encisa. Ademais, Loly Gómez conversará con Alberto Ojeda, autor do libro ‘Cuero contra plomo, fútbol y sangre en el verano del 82’, que amosa a realidade política e social dun país recentemente chegado á democracia, a España do Mundial de 1982, e cun arrinque moi galego: o primeiro episodio está ambientado en Balaídos.

Tamén estará este xoves na mesa de A Revista o psicólogo Antonio Rial Boubeta, que comentará os datos dun informe da Fundación MAPFRE e a Universidade de Deusto segundo o cal as mulleres son máis vulnerables aos comentarios negativos nas redes sociais ca os homes. Son de lonxe as máis afectadas neste tipo de situacións, xa que chegan a sufrir ata máis do dobre de inseguridade que eles.

Ademais, o programa abrirá hoxe a súa mesa de sucesos, coa participación nesta ocasión da xornalista Patricia Abet e a avogada Carmen González Ferro.

ZIGZAG.A presentadora do Zigzag, Pilar G. Rego, falará hoxe no estudio con Iván Sánchez, membro da organización do Certame Galego de Bandas de Gaitas, que esta fin de semana celebra a súa 15ª edición en Celanova. Organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares e a Xunta de Galicia, reunirá as mellores formacións da comunidade, que actuarán durante dous días.

Por outro lado, o espazo da G2 asistirá á rodaxe en Galicia de Justicia artificial, de Simón Casal, un thriller político situado nun futuro próximo que plantea o dilema moral de introducir un sistema de intelixencia artificial que substitúa os xuíces e xuízas en todos os tribunais do país. Protagonizado por Verónica Echegui e Alberto Ammann, conta tamén no elenco cos actores galegos Tamar Novas e Alba Galocha.

01 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
TVG
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.