Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cando eramos mozos alternativos

A exposición Underground lembra os movementos contraculturais cataláns dos 70

Cando se lembra a modernidade que acompañou á Transición democrática, o lugar común da prensa española é a movida madrileña. Alentada desde as institucións -xa que logo desde o concello que presidía o profesor Enrique Tierno Galván-, a promoción de tal fenómeno coma paradigma case único esquece aqueloutros movementos que fixeron bandeira da contestación cultural e social sen apoios públicos, como sería o caso de Vigo e, xa uns anos antes, Barcelona. Facíase necesario que Madrid, aquel Madrid gris do funcionariado e da mediocridade da ditadura, se modernizase, quixéramos ou non.

Que as cousas non foron así queda evidente coa exposición Underground, promovida pola Generalitat de Catalunya e comisariada por Pepe Ribas, fundador da revista Ajoblanco. A contestación, en catalán e sen aparente contido político, comezou en 1968, cando o Grup de Folk organizou no Parc da Ciutadella barcelonés o primeiro concerto alternativo autorizado. Unha proposta gamberra, diferente á formalidade da “cançó catalana”. Moitos dos seus membros, malia partir da recreación de cancións populares, levaban consigo unha visión diferente da cultura. Ben axiña pasaron a promover proxectos musicais que excedían de moito aquela suposta inxenuidade primixenia.

Así, Pau Riba, partícipe do movemento hippy instalado en Eivissa e Formentera, publicou álbums emblemáticos como Diòptria, en dúas entregas (1970 e 1971). Ou Jaume Sisa, galáctico coma ninguén, que en 1975 -anos antes de facer carreira en castelán como Ricardo Solfa- publicou Qualsevol nit pot sortir el sol. E tamén Oriol Tramvia, actor e cantante, especialista en performances. Algúns dos grupos que daquela orbitaban no Grup de Folk pero sen formar parte estaban Dos + Un e Els 3 tambors. Do primeiro, Josep Maria Clua, e do segundo, Jordi Batiste, formaron Ia & Batiste, o motor do que se coñeceu despois como “música laietana”, corrente que derivou unha dobre liña rock (Música Dispersa, Màquina!) e neopopularista (Companyia Elèctrica Dharma).

Neste panorama, e fronte á discoteca Bocaccio, onde se xuntaba a gauche divine, dous locais foron fundamentais para que callase esta revolta alternativa, ambos dous veciños de Santa Maria del Mar: Zeleste e Màgic. O primeiro, promovido por Víctor Jou, fou lugar de xuntanza, actuacións e experimentos de diversa condición: desde o rock laietano ata a recuperación da música bailable dos 50 e 60, con artistas como La Voss del Trópico ou a Orquesta Platería.

Non podemos afastar este movemento dos festivais celebrados en Canet de Mar, tanto no ámbito da cançó como do rock-pop. Un movemento que non se limitaba ao ámbito musical senón que colleu a dimensión da sociedade emerxente que superaba as estreitas marxes do tardofranquismo. Así en xornalismo a revista Ajoblanco; en ecoloxía, as revistas Alfalfa e Userda; no ámbito da liberación sexual, o feminismo (as Primeres Jornades de la Dona, 1976), homosexualidade (con dinamizadores como Ocaña ou o carnaval de Sitges).

Coincidía coa emerxencia dos movementos veciñais, moitos dos cales xa organizaban as festas de cadanseu barrio con artistas pertencentes a este corrente alternativo. E do mesmo xeito, emerxeron daquela os movementos teatrais que ben axiña callaron na dramaturxia catalá que chegou ata nós: Els Joglars (e as súas obras Mary d’ous, Àlias Serrallonga e La torna, que rematou con condenas en xulgado militar), Comediants, Dagoll Dagom, Teatre Lliure e La Cubana.

Fronte ás propostas sociopolíticas que podían acabar nas institucións, o anarcosindicalismo emerxeu con forza. Proba diso foron as Jornades Llibertàries Internacionals celebradas en Barcelona en 1977. Uns meses máis tarde e despois dunha manifestación convocada pola CNT, produciuse un incendio na sala de festas Scala, co resultado de catro traballadores mortos. Diversos medios acusaron aos anarquistas, que así ficaron estigmatizados. Sen embargo, cando se xulgou a un delincuente habitual como autor material, quedou evidente que houbera unha conxura a partir de certos policías ás ordes do supercomisario Conesa e algún confidente. En definitiva, un acto de terrorismo de Estado.

Joaquim Ventura

11 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.