Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cando estudar era cousa de homes, elas loitaban

    Manuela Barreiro (Viveiro, 1877 - Madrid, 1953)
    Manuela Barreiro (Viveiro, 1877 - Madrid, 1953)

    Nada en Viveiro aló polo ano 1877, esta muller non só foi a primeira en poder acceder aos estudos superiores na Universidade de Santiago de Compostela, senón que ademais, Manuela Barreiro fíxoo antes de que fose legal: no 1896 comeza os seus estudos na Facultade de Farmacia, cun escrito do ministro de Instrucción Pública e Belas Artes (a antiga carteira de Educación) que a autoriza a facelo. Cinco anos despois, en 1901 -tras graduarse- convértese na primeira muller de Galicia en ter unha ilcenciatura universitaria.

    Con todo, o mundo de homes que a rodeaba non se esvaeceu por ter un título, e para exercer tivo que volver solicitar un permiso. Agora si, no ano 1903 abre as portas en Ribadeo dunha farmacia na que exercería ata o 1931, momento no que decide vendela. No 2013, o municipio ponlle o seu nome a unha rúa, nun intento -tardío, pero agradecido- de remediar a desmemoria na que se deixou caer a esta muller, innegable precursora dos nosos dereitos.

    Elisa Fernández de la Vega (Vegadeo, 1895- Zaragoza, 1933)
    Elisa Fernández de la Vega (Vegadeo, 1895- Zaragoza, 1933)

    O 8 de marzo de 1900 cambia o mundo para elas -para nós-, xa que é o día no que se aproba o Real Decreto que recoñece o dereito das mulleres a cursar estudos superiores. Tres anos depois, no 1913, ingresaban na facultade de Medicina as seguintes en facer historia. Nadas no 1995 en Vegadeo (Asturias), as xemelgas Elisa e Jimena Fernández de La Vega sempre foron dúas estudantes sobresaíntes - recibiron os Premios Excepcionais no examen final de Bacharelato, en Lugo- e o seu paso pola USC tampouco deixou indiferente a ninguén. De feito, as dúas levaron a Gran Cruz de Alfonso XII, aínda que seguiron camiños diferentes.

    Pola súa parte, Elisa decide especializarse no ámbito da Pediatría, no que rapidamente se fai un nome e comeza a impartir conferencias e a publicar en diversos medios. Con todo, no 1933, con tan só 37 anos, o brilante futuro de Elisa vese truncado por unha pneumonía atípica -que ela mesma se autodiagnostica - que acaba coa súa vida.

    Jimena Fernández de la Vega (Vegadeo, 1895 - Santiago 1984)
    Jimena Fernández de la Vega (Vegadeo, 1895 - Santiago 1984)

    O destino tiña preparado un camiño menos tráxico para a outra irmá de La Vega. Logo da morte de Elisa, Jimena - que ademais da Gran Cruz de Alfonso XII acadara o Premio Extraordinario ao rematar a carreira- céntrase no campo máis teórico da Xenética. Recibe varias bolsas do Estado que lle facilitan continuar formándose e traballando en Alemaña e Austria, e acaba por regresar a una -atrasada- España na que ten moito que aportar sobre o que aprendeu fóra.

    Así e todo, acaba por especializarse en hidrolóxía e en médico de balneario, e convértese na directora do Balneario de Guitiriz aos 55 anos. Máis adiante, antes da súa morte aos 90 anos, tamén sería directora doutros balnearios da península.

    Non foi ata unha vez finadas estas dúas mulleres que a USC conmemorou o seu -salientable, increíble...?- paso pola institución, no ano 1996. Ao ano seguinte, a súa vila natal de Vegadeo adícalles unha rúa, como unha -merecidísima- commemoración á súa labor por e para as mulleres.

    Olimpia Valencia (Baltar, 1898 - Vigo, 1987)
    Olimpia Valencia (Baltar, 1898 - Vigo, 1987)

    Nun primeiro momento, Olimpia Valencia estudou maxisterio, pero esta filla de familia acomdada viguesa decide dar un cambio radical á súa formación e, no 1919, matricúlase na Facultade de Medicina da USC. Natural de Baltar, Olimpia inaugura en 1928, tan só nove anos despois, un consultorio de medicina xeral e xinecoloxía na cidade olívica cunha placa na porta: “especialista en enfermedades de la mujer”.

    No 1930 é unha das persoas involucradas na creación da Academia Médica Cirúxica, da que chega a ser vicepresidenta escasos anos despois. Con todo, ser acusada polo bando franquista diezma -aínda máis, se cabe - a súa percepción entre os seus colegas -homes- de profesión, e acaba obtendo unha praza na seguridade social no 1940, onde exercerá ata a súa xubilación, vinte anos depois. Hoxe, en Oia unha rúa loce o seu nome, e unha placa conmemora a súa casa natal, pero non hai homenaxe suficiente que remedie o que tivo que loitar polos seus -e nosos- dereitos.

    28 oct 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito