Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

‘Casamos!’: voda polo rito celta de Mónica e Toni na Galega

Con doce anos de relación, superaron os prexuízos sociais pola diferenza de idade // No ‘Zigzag’, Álvaro Negro presenta ‘Traza’

A historia de Mónica e Toni, os protagonistas desta semana do programa Casamos!, comezou hai 12 anos a través dunha rede social. Axiña deixaron atrás as pantallas para coñecerse en persoa, e a cousa foi tan ben que decidiron converterse en amantes.

Logo de tres anos, optaron por formalizar a súa relación e en ir vivir xuntos. A parella foi capaz de superar todas as dificultades e os prexuízos da sociedade, pois Mónica é dez anos maior que Toni.

Agora casan polo rito celta, rodeados da súa familia e dos seus amigos nunha voda íntima e con referencias á serie ‘Xogo de Tronos’, da que esta noite serán testemuñas os espectadores da TVG.

A REVISTA’. Galicia enfróntase esta semana a diferentes alertas relacionadas co mal tempo, en particular, por aviso de neve. Visitan hoxe A Revista Marcos Araújo, xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Axega, e mais un experto de Meteogalicia para explicarlles aos espectadores como deben actuar estes días nas diferentes casuísticas que se poden dar, por exemplo, á hora de realizar desprazamentos por estrada.

A presentadora do programa, Loly Gómez, tamén conversará con Jeanne Piccard, presidenta de Stop Accidentes. Este mes xulgarán condutor ebrio que provocou en marzo de 2021 un triplo accidente mortal en Salceda. Enfróntase a unha petición de cinco anos de cárcere, logo de que no sinistro morresen unha nai e os seus dous fillos.

Pola súa parte, Carlos Debasa, presidente da Asociación Galega de Inmobiliarias (Agalin), comentará no programa os resultados do Barómetro realizado pola entidade e correspondente ao último trimestre de 2022. Indica, entre outras cuestións, que a venda de pisos na comunidade autónoma entrou nunca etapa de freada nos últimos catro meses do ano pasado. Tamén falará das previsións do sector para o ano que comeza.

Inés Amor, voceira da Policía Nacional, tamén participará no matinal, neste caso para advertir os xubilados dos diferentes tipos de estafas que se están producindo polo territorio galego e que lle afectan ao colectivo. É o caso de dous recentes sucesos en Ames e Guitiriz, con modus operandi similares.

Así mesmo, a colaboradora e instagramer Clara Redondo daralles consellos aos espectadores para o coidado das plantas.

‘ZIGZAG’. O programa Zigzag recibirá hoxe o artista Álvaro Negro, que conta ata finais de xaneiro coa exposición Traza na Galería Vilaseco da Coruña, a súa primeira mostra individual neste espazo, para a que seleccionou un total de once pezas inéditas, todas elas pintadas nos últimos meses no seu estudio de Agolada e na mesma liña de traballo que o proxecto que emprendeu en Roma, tras o seu paso pola Real Academia de España. Son obras de carácter abstracto, que evocan unha tradición da pintura occidental tan irmandada na historia como a italiana e a española.

O espazo cultural da G2 tamén ofrecerá este martes unha reportaxe sobre a montaxe teatral Relato para un incendio, da compañía aAntena. Nela, dúas actrices e un actor trazan en escena o mapa de incendios provocados, ao longo dos últimos anos, nos bosques e montes de Galicia.

Por outro lado, Zigzag achegarase á Sala Afundación de Santiago, onde, a partir da revisión dos fondos do coleccionista español Luciano Méndez Sánchez, a exposición Soño de navegante convida a realizar un percorrido pola arte cubana contemporánea dos últimos 50 anos.

17 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
TVG
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.