Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Catro novas incorporacións ao ‘Álbum de Galicia’ do CCG

O compositor Felipe Paz, a escritora Francisca Herrera, o neurólogo Jesús Manuel Calle Pazos e o xornalista Antonio Neira de Mosquera son as últimas entradas do Álbum de Galicia. O proxecto do Consello da Cultura Galega (CCG) suma neste de mes de agosto catro novas entradas que axudan a afondar no coñecemento de numerosas personalidades da nosa cultura.

Este mércores, 25 de agosto, publícase a entrada do xornalista e escritor Antonio Neira de Mosquera. Naceu en Santiago en 1823 nun ambiente liberal e moi cedo amosou inquedanzas polas letras. Pertence á xeración que os historiadores da Literatura denominan “Provincialistas”, un grupo de mozos que sentían a inquedanza de reafirmar a personalidade histórica de Galicia.

Neira de Mosquera foi unha das figuras máis sobresaíntes. Foi autor dunha importante obra xornalística e literaria cun inequívoco temperamento romántico.

Xosé Ramón Fandiño é o autor desta entrada bibliográfica que inclúe materiais como o discurso pronunciado por Neira de Mosquera no Liceo de la Juventud en 1849 ou diferentes fragmentos da súa obra.

A biografía de Francisca Herrera Garrido (A Coruña, 1869–1950) incorpora pequenos fitos. A súa novela Néveda (1920) é a primeira narración extensa asinada por unha muller nas nosas letras. Foi tamén a primeira muller en participar na revista Nós, e a única que repetiu colaboración, e a primeira académica electa da Real Academia Galega. A súa entrada está asinada por Patricia Arias.

Organista, pianista, compositor, ensinante e director de coros, orfeóns e bandas de música, Felipe Paz (Pontevedra, 1850-Noia, 1918) é unha das personalidades galegas relevantes no eido da composición para banda de música, orfeón e piano da segunda metade do século XIX e principios do XX. A súa entrada, escrita por Alejo Amoedo.

E finalmente, Jesús Manuel Calle Pazos (Pontevea, Teo, 1942-Santiago de Compostela, 1998) foi un destacado anatomista e neurólogo. O colaborador de EL CORREO Fernando J. Ponte Hernando escribe a entrada deste apaixonado polas neurociencias que desenvolveu unha carreira científica de éxito. As súas liñas principais de investigación foron o estudo das acetilcolinesterasas cerebrais, microvascularización de nervios periféricos, constitución troncular dos devanditos nervios, localización topográfica das áreas da linguaxe, así como estudos de neuroimaxe, analizando cadros morbosos como a Síndrome malformativa de Arnold- Chiari- Siringomielia.

Investigou sobre a dor lumbar crónica, foi membro activo de sociedades científicas e a súa carreira viuse truncada por unha enfermidade da que faleceu con 55 anos.

25 ago 2021 / 16:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.