Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Chan da Pólvora estrea ano coa publicación de `O gran poema´ e `Ferrovías´

O primeiro libro é unha explosión de amor e sabedoría literaria que Constantino Bértolo enxerta na tradición literaria de Ferrín. O segundo permítenos ler en galego unha das obras menos difundidas do británico John Berger

Malia a difícil situación que estamos a atravesar por mor da COVID, a cultura non para, e boa mostra diso son os dous libros que a editora compostelá Chan da Pólvora vén de publicar. Trátase de O gran poema, a primeira incursión na escrita galega de Constantino Bértolo, e a primeira tradución ao galego de Ferrovías, o diálogo de John Berger e Anne Michaels sobre o amor e a perda.

O gran poema

Poucos libros hai tan asombrosos na literatura galega recente como O gran poema de Tino de Féliz, nome comunal co que foi coñecido Constantino Bértolo durante súa infancia e adolescenciacia en Navia de Suarna, a vila onde neceu en 1946. Décadas despois de abandonar Galicia e de desenvolver unha longa traxectoria como crítico e editor de audacia esculcadora, Bértolo volve a mirada cara ao pasado e reencóntrase cunha paisaxe eterna (a da súa terra natal) e cunha experiencia de amor perdida, a dun idioma do que foi arrincado.

A primeira impresión que xurde ao abrir O gran poema de Tino de Féliz é que estamos ante un libro concibido como un monte ou como un río. Un libro que sae das tripas da terra para romper a pedra e abrir o aire. Ao abeiro de Tino de Féliz está Constantino Bértolo, o home que nas décadas mediadas entre o seu alcume infantil e este asombroso libro se converteu nun dos críticos e editores con máis prestixio de Europa.

No ano 2011, Constantino Bértolo asomouse uns minutos ao outro lado da morte e cando regresou tiña o corpo ateigado de saudades e nostalxias. Volveu a mirada cara ás súas orixes e reencontrouse con Tino de Féliz, o rapaz que el fora, e co galego engastado á lingua. Aí comeza a escribir O gran poema. A tectónica básica foi a terra movéndose baixo os seus pés e a sensación de amor extraviado, de formar ou querer formar parte do destino que o río Navia metaforiza como río que nos leva e río que nos trae. A necesidade de crear e salvar ese mundo e o tempo perdido. De volver ao ser, ese río Ser que aflúe ao Navia e o fai medrar. Habería que falar por tanto –asegura o autor– de tectónica e de canle, de erosión e de permanencia. El, como lector que contempla con reserva os versos do diálogo coas intimidades, sempre arelaba a poesía “escrita” en voz alta e, de súpeto, o corpo, a voz e a presenza da morte fixérono sentir claramente que o son desa voz alta só era posible en galego. O gran poema pode lerse como respiración dun resucitado ou como un epitafio, “a única forma aceptable de autoficción”, ao seu xuízo. Estamos ante un libro portentoso, ante un acto de vontade política, de toma de partido, de recuperación do idioma como cerna comunal. Un gran poema como regreso e como inocencia, como forma laica do crer.

O autor

Tino de Féliz (nome comunal de Constantino Bértolo), naceu en Navia de Suarna en 1946. Aos nove anos marchou con a sua familia a Madrid onde estudou Filoloxía Hispánica. Durante anos exerceu como crítico literario en diversos medios de prensa. Foi director da editorial Debate entre 1991 e 2003, e da editorial Caballo de Troya desde o 2000 ata a súa xubilación no 2014. La cena de los notables, sobre lectura y crítica (2008), Lenin, el revolucionario que no sabía demasiado (2012) e Llamando a las puertas de la revolución. Textos de Karl Marx (2017) son algunhas das súas últimas publicacións. Os seus primeiros poemas datan dos anos sesenta e algúns apareceron na lendaria Antología de la joven poesía española de 1966. Un deses poemas foi musicalizado por Agua Viva. Tamén é autor dunha plaquette de poesía en castelán, En Resumen (2008). O gran poema é a súa primeira publicación en galego, lingua na que, confesa, está de regreso.

Ferrovías

O multifacético creador británico John Berger e a escritora canadesa Anne Michaels tecen o diálogo que sostén Ferrovías, o novo título que Chan da Pólvora publica na súa colección de traducións O Río. Ferrovías, verquida ao galego por Martín Veiga, inclúe unha serie de fotografías de Tereza Stehlíková que sirven de recreación visual ao diálogo de Berger e Michaels sobre o ferrocarril, a memoria e o tránsito.

Ferrovías [en inglés titulada Railtracks] é unha das obras máis descoñecidas dentro das linguas hispánicas de John Berguer [Londres, 1926–París, 2017], un autor vinculado especialmente a Galicia e recoñecido mundialmente polo seu compromiso literario e político. Entre os seus títulos máis admirados, figura Porca terra, obra na que retrata un mundo rural tan resistente á historia como imprevisible. En palabras de Manuel Rivas, estes relatos están escritos “cunha mirada fértil e rebelde á vez. Ao igual que nos seus inesquecibles escritos sobre arte, en Porca terra a lectura é un proceso de descubrimento daquilo que se oculta para facelo desaparecer e do que se esconde para sobrevivir”.

Ferrovías é unha prolongación dese mundo estraño e ao tempo próximo, onde a escrita esconde a evocación dunha realidade oculta. O libro foi o froito dunha colaboración única entre dous escritores de notábel mérito. Unha profunda meditación sobre os ferrocarrís, o amor e a perda, ao mesmo tempo íntima e comprometida, que se move do industrial ao metafísico, dos cambios tectónicos da globalización aos latexos interiores da memoria e do presente a un pasado que aínda existe en rastros vívidos, esenciais.

O diálogo, sensual e exploratorio acompáñase da evocadora fotografía de Tereza Stehlíková, que traza o seu atmosférico paso en tren polas boscosas paisaxes invernais do sur de Bohemia. Convocando historias poderosas e ocultas, e viaxes profundamente persoais, Ferrovías procura, cunha urxencia rigorosa e reflexiva, dar testemuño da dor das separacións e o consolo dos encontros.

Os autores

John Berger é un dos intelectuais máis influentes do noso tempo. Autor dunha obra ampla, rica e versátil como poeta, narrador, ensaísta, pintor e crítico de arte, as súas publicacións máis recentes inclúen Hold Everything Dear, From A to X e Bento’s Sketchbook. Nado en Inglaterra, viviu durante máis de medio século en Francia, onde faleceu en 2017.

Anne Michaels recibiu múltiples galardóns e recoñecemento internacional polas súas novelas Fugitive Pieces e The Winter Vault. É tamén autora dos libros de poemas The Weight of Oranges, Miner’s Pond, Skin Divers, Correspondences e All We Saw, así como do ensaio Infinite Gradation. Entre 2016 e 2019 ocupou o cargo de Poet Laureate de Toronto, cidade onde reside.

Tereza Stehlíková é unha artista, cineasta e profesora de artes visuais na University of Westminster cuxo traballo se centra na imaxe en movemento e a performance. Entre moitas outras actividades, fundou a revista interartística Artesian e o colectivo internacional de artistas e investigadoras Sensory Sites, dedicado a xerar proxectos colaborativos que exploran a percepción multisensorial e a experiencia corporal.

Martín Veiga é poeta, tradutor e profesor de estudos hispánicos na University College Cork, onde dirixe o Irish Centre for Galician Studies. Como investigador dedícase principalmente ao estudo da poesía contemporánea, a tradución literaria e a literatura de viaxes no ámbito ibérico. Entre os seus libros de poemas figuran As últimas ruínas, Olos de ámbar, Fundaxes e Diario de Crosses Green.

25 ene 2021 / 10:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.