Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Chega a edición máis especial do festival da Luz a pesar da covid-19

Os organizadores recadarán fondos para Cruz Vermella a través da fila 0 // Buscan reactivar a economía da zona

O sábado 12 de setembro o recinto do festival da Luz acollerá un programa moi especial: a edición Leiras, un novo formato adaptado á situación actual onde gozar dunha xornada chea de música nun ambiente íntimo, familiar, tranquilo e seguro para todos.

A inmensa leira natal de Luz Casal, onde cada ano divírtense máis de 12.000 persoas, dividirase nesta ocasión en parcelas, en leiras, seguindo as normas de distancia de seguridade ata completar un aforo de 500 persoas. Desta maneira, poderase gozar da música en directo ao aire libre con tódalas medidas sanitarias e de prevención.

As leiras terán capacidade para 2, 5 e ata 10 persoas e incluirán máscaras, xel desinfectante e ecovaso individual. A reserva das leiras estará activada a partir de hoxe a través da páxina web.

O importe das entradas destinarase a Cruz Vermella Responde en Galicia co fin de axudar aos colectivos máis vulnerables e afectados pola urxencia sanitaria provocada pola pandemia da Covid-19.

Ademais, co obxectivo de sumar máis fondos a esta causa, dado o aforo limitado do evento que reduciría a recadación, habilitarase a compra da entrada leira Solidaria 0, unha entrada que poderán comprar de forma ilimitada todos aqueles que queiran contribuír á doazón.

Eladio y Lo Seres Queridos, Susana Seivane, Boyanka Kostova, Agoraphobia, Terbutalina e o acústico de Monoulious Dop compoñerán o cartel desta xornada especial do festival da Luz que se completará co concerto vibra Mahou a cargo de LAU, unha actuación vinculada á colaboración establecida entre a cervexeira, a fundación Paideia Galiza e a Escola de Organización Industrial (EOI), que ten como obxectivo impulsar o emprendemento entre o talento musical que está xurdindo nos últimos anos.

O Festival, que recentemente aprazou a súa edición de 2020 ao 2021 pola covid-19, aposta por esta nova programación alternativa coa ilusión e esperanza de activar a economía da localidade, de avivar o sector cultural e de lograr unha recadación solidaria nun ano no que se necesita máis que nunca para poder paliar, na medida do posible, as importantes perdas que a pandemia supuxo para moitas familias.

Esta edición conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Xacobeo 2021, Fest Galicia, Estudios Mans, Fundación La Caixa, Caixabank...

O festival da Luz volve a reivindicarse como unha forma especial de despedir este verán tan atípico, nun ano, no que estar rodeado dos teus seres queridos e vivir con tranquilidade volveuse complexo.

20 ago 2020 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito