Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ciclistas e corredores, que o ritmo non pare en outono

Setembro. Xornadas aínda calorosas e apracibles, pero a iso das nove xa comeza a caer a noite e os días fanse cada vez máis curtos comparados a aqueles de principios do verán onde a luz nos acompañaba longas horas para a nosa ledicia, acabados de saír dun confinamento e con ansias de botar a vida co ceo como único teito. Foi entón, despois da corentena, cando a estampa de xente correndo e montando en bicicleta se convertiu en icónica. Fora como fora, a sociedade que non o fixera antes parece que descubriu agora unha necesidade de actividade ao aire libre. Imos perder as boas prácticas adquiridas coa inminente chegada do outono? Creo que á marxe de todo ese discurso sobre que imos ser mellores persoas despois disto (que non sei eu...) se algo aprendimos é que hai que desfrutar do tempo e do día a día.

O caso é non facer o tolo, non vaiamos querer subir o Ézaro cando chegamos ao alto do Pedroso vendo estreliñas. Hai uns anos comprei unha bici do máis básica porque me apetecía dar unhas voltas e acabei dándolle tan mala vida que agora xa só podo combinar prato grande (quédame moi pro, pero eu sempre lle chamei catalina) e piñón pequeno, ideal para facer perna ou para botar o fígado fóra...

NOVOS BIKERS Di Ezequiel Mosquera que “o que se engancha á bicicleta, xa sexa roda gorda ou fina, queda prendado para a vida. Poucos deportes conxugan natureza, convivencia, retos persoais e unha notable melloría física cun movemento tan simple”. É consciente o que fora ciclista profesional de que a situación que vivimos “sacou moitas bicis do faiado” e para os novos bikers aconsella saber escoller unha modalidade (cousa que eu debera facer anter de botarme ao monte). A BTT, explica, “ten como principal activo o contacto directo coa paisaxe e a destreza técnica”, pola súa banda “a estrada ten a maxia dos grandes portos ou subidas míticas e unha velocidade considerablemente máis alta”. Célebre é xa a súa frase: “imos indo, imos vendo”. E é que “xa somos adultos e todos debemos de ser conscientes do noso estado físico. Se é bo, perfecto, se non o é co ciclismo podemos melloralo moito, pero Despasito. Os piques, as gañas de rodar rápido ou emular a Valverde pódennos animar a ir por enriba das nosas posibilidades”. Para unha correcta práctica para el ten que haber parada “impepinable” para repostar e contar batallas. A contorna de Santiago, desvela, ten escenarios perfectos para a BTT como o Pedroso, San Marcos, as ribeiras do Tambre ou do Ulla. En estrada, Ezequiel convida a coñecer a esencia da montaña comezando por pequenas subidas como o Pico Sacro, Alto do Chedón en Vea ou Aguas Santas en Rois.

CORRER CON XEITO. Canto admiro á xente que é quen de ir correr ás 7 da mañá antes de comezar o resto da xornada (din que con moita enerxía)! E tamén canto admiro á xente que sabe respirar! Amador Pena, director do club SD Compostela Atletismo, recomenda calma. “Se queres mellorar ten moita paciencia. A constancia é a clave, aumenta moi progresivamente a duración e intensidade das túas saídas, aproveita tamén a orografía da cidade e combina os trotes relaxados por un bosque con traballos seriados en costas, intervalos ou escaleiras”. Tamén fai moito fincapé na indumentaria, máis alá do postureo runner para as redes sociais. “Merca nunha tenda da cidade unhas zapas que sexan moi cómodas para os teus pés e evita poñer roupa en exceso, mellor a indispensable para non pasar frío”. Ollo! segundo nos aclara, “levar roupa para intentar sudar máis non che fará perder peso, pero sí deshidratarte e cansarte máis da conta”. “O descanso ten que ser acorde ao esforzo físico, procura deitarte cedo, o que chamamos adestramento invisible é dos máis importantes, unha sestiña tamén pode ser un estupendo recurso”. E coidado con facerte ver. Apunta Amador que “mellor non adentrarse a última hora da tarde en zonas sen luz artificial, e de facelo levar unha luz frontal”.

Os dous coinciden no de ir en boa compaña, ben cos colegas, con grupos de adestramento, ou as dúas cousas á vez. Se Einstein dicía que a “vida é como andar en bicicleta, para manter o equilibrio debes seguir avanzando” pois, a pé ou sobre rodas, avancemos!

13 sep 2020 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito