Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cinco novos autores no Pórtico of Galician Literature

En virtude do acordo con esta publicación, que conta con usuarios de máis de 130 países, véñense de incluír obras dos escritores Xesús Fraga, Santiago Lopo, Lito Vila Baleato, Luísa Villalta e An Alfaya

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de incorporar cinco novos autores galegos ao Portico of Galician Literature, o portal web en inglés que ten como obxectivo principal dar a coñecer no exterior os escritores da literatura galega, a través de fragmentos traducidos das súas obras máis representativas, que se complementan con información biográfica. Así se acordou na reunión mantida entre o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o coordinador do proxecto, Jonathan Dune, para renovar o catálogo. Deste xeito, incorpóranse Xesús Fraga, Premio Nacional de Literatura; Santiago Lopo, Premio Xerais e Premio García Barros; Lito Vila Baleato, Premio Frei Martín Sarmiento; Luísa Villalta, Premio Espiral Maior, e An Alfaya, Premio Jules Verne.

Medio cento autores. Coa incorporación dos cinco novos autores de literatura contemporánea ao Portico of Galician Literature son xa medio cento os autores galegos incluídos. Trátase de Xavier Alcalá, Marilar Aleixandre, Fran Alonso, Diego Ameixeiras, Rosa Aneiros, Anxo Angueira, Xurxo Borrazás, Begoña Caamaño, Marcos Calveiro, Marica Campo, Xosé Carlos Caneiro, Fina Casalderrey, Francisco Castro, Cid Cabido, Fernando M. Cimadevila, Alfredo Conde, Ledicia Costas, Berta Dávila, Xabier P. DoCampo ou Pedro Feijoo.

Tamén está dispoñible a obra de autores como Miguel Anxo Fernández, Agustín Fernández Paz, Elena Gallego Abad, Camilo Gonsar, Xabier López López, Inma López Silva, Antón Lopo, Manuel Lourenzo González, Andrea Maceiras, Marina Mayoral, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Monteagudo, Teresa Moure, Miguel-Anxo Murado, Xosé Neira Vilas, Emma Pedreira, Xavier Queipo, María Xosé Queizán, Anxo Rei Ballesteros, María Reimóndez, Manuel Rivas, Antón Riveiro Coello, Susana Sanches Arins, María Solar, Anxos Sumai, Abel Tomé, Suso de Toro, Rexina Vega, Domingo Villar e Iolanda Zúñiga.

De Estados Unidos á India. A páxina web do catálogo Portico of Galician Literature ten, desde a súa posta en marcha en 2012, 17.544 usuarios novos procedentes de 131 países, sendo os que achegan máis visitas Estados Unidos, Reino Unido, España, Corea do Sur, Brasil, Francia, Irlanda, Canadá e India. Tamén se recibiron consultas de países como Eslovenia, Nepal, Kenia, Macedonia do Norte, O Salvador, Islandia, Finlandia.

A Xunta mantén unha colaboración estable con este portal, que serve para dar a coñecer o mellor da literatura galega contemporánea e como punto de referencia nas feiras internacionais. Ofrece unha listaxe de todos os títulos da literatura galega que saíron editados en inglés, con enlaces ás páxinas web das editoriais. Asemade conta cunha breve historia da literatura galega e información sobre dereitos de autor e axudas á tradución.

Iniciativas á tradución. Esta colaboración está na liña do traballo do Goberno autonómico por ampliar mercados da literatura galega e difundir a nosa cultura no exterior. Neste eido, a Consellería de Cultura Educación e Universidade convoca cada ano axudas para o libro galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas en galego e á tradución para o galego de obras publicadas noutras linguas, así como para a súa edición. Trátase dunha subvención á que se destinan 200.000 euros.

Tamén están en marcha iniciativas como o programa de residencias literarias para tradutores da Xunta. O poeta, editor e tradutor letón Arvis Viguls vén de resultar gañador da segunda edición da bolsa e traducirá unha obra do poeta galego Gonzalo Hermo. Isto suporá contar coa primeira tradución da obra dun poeta galego en letón. Colle o relevo da profesora estadounidense Kathleen March, unha das máis prestixiosas investigadoras e divulgadoras da literatura galega nos Estados Unidos e experta nos estudos sobre Rosalía de Castro, que recibiu esta bolsa o ano pasado e traduciu obras de Marica Campo e Enma Pedreira.

06 mar 2022 / 12:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.