Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cogomelos tóxicos dos bosques

    nos bosques de árbores de folla caduca como os soutos, as fragas e as carballeiras, así como nas plantacións de piñeiros, pódense apañar unhas cantas especies comestibles de excelente calidade, cesáreas (Amanita caesarea), andoas (Boletus e semellantes), cantarelas (Cantarellus), etc., pero tamén hai especies perigosas, que poden causar desde intoxicacións leves como unha gastroenterite, por exemplo o falso níscaro (Lactarius chrysorheus) con leite branca que pasa a amarela inmediatamente, ata moi graves, que atacan o fígado e os riles, e poden provocar un coma ou a morte, como Amanita phalloides e Lepiota helveola.

    En calquera caso, cando se recolle un espécime co fin de consumilo débese coñecer ben, polo nome popular e, mellor, o científico e de forma razoada, non só pola cor, pola forma ou polo tamaño. En caso de dúbida, non consumir! Por exemplo, un Boletus edulis ten o chapeu de cor parda, máis ou menos escuro, cunha liña crema clara na marxe, os poros son de cor crema ao principio, despois amarelados e no fin, esverdeados, o pé é groso, macizo e ten no terzo superior unha rediña branca superposta. Ben, pois se falta algunha destas características pode ser o que estamos a pensar, a andoa comestible, pero non é seguro, polo tanto non se debe comer.

    As intoxicacións graves por Amanita phalloides prodúcense por inexperiencia e exceso de confianza do apañador. A persoa coñece uns poucos cogomelos e confía que xa non se vai enganar. De feito é fácil diferenciala: chapeu verde oliva, amarelado ou branco, pero as láminas son sempre brancas, no pé ten un anel péndulo, colgante e na base, unha volva, é dicir, unha especie de saquiño branco. Pero hai que fixarse.

    A base do pé é fundamental en moitas especies para poder identificalas, por iso a lexislación vixente en Galicia obriga a apañar exemplares completos. Non hai que ter medo de que así se prexudique o fungo. Son unicamente froitos. Aquilo de cortar e non arrincar para salvagardar o micelio son ideas anacrónicas e totalmente superadas polos coñecementos científicos actuais.

    En Galicia é máis doada a confusión entre os “cogordos pequenos”, como Lepiota helveola, cunha pequena zarrota (Macrolepiota spp). Trátase de especies nas que o chapeu aberto non supera os 8-10 cm de diámetro, as escamas son menos notorias e máis claras que nas zarrotas, o anel do pé non se move cando se lle toca... e, nas zonas onde se roza ten tendencia a virar para o vermello ou cor viño tinto.

    Unha dose de 60 gramos destas especies por persoa adulta, se non é tratada adecuadamente nunha UCI, pode desenvolver un coma hepático ou levar a unha parada renal.

    Na actualidade os intoxicados sobreviven cando se lles aplica o protocolo adecuado: lavado de estómago, diurese forzada e purgante forte, é dicir, se eliminan a maior parte do tóxico que aínda se atopa no sistema dixestivo. Complementase, con carbón activo e, sobre todo, grandes cantidades de penicilina G. Non hai infección, pero este composto, barato e fácil de conseguir en calquera hospital, é capaz de atrapar as moléculas tóxicas (amanitina α, β, γ...) e funcionar como protector hepático, por iso case nunca é necesario chegar a un transplante de fígado ou de ril e conséguese a estabilización sen falecemento.

    A intoxicación en nenos e persoas de idade ou con certas doenzas é moito máis perigosa e, neste caso, os transplantes son frecuentes e os óbitos, tamén.

    11 nov 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.