Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cogomelos útiles nas plantacións forestais

    En bioloxía/ecoloxía considéranse bosques as agrupacións de árbores autóctonas, é dicir, aquelas que constitúen de forma natural un ecosistema, son tamén as que teñen asociadas especies animais (fauna) e fúnxicas (micobiota) autóctonas relacionándose entre elas.

    Outra cousa son as plantacións arbóreas realizadas polo home, normalmente con fins forestais, e que en Galicia están constituídas principalmente por piñeiros e eucaliptos. O piñeiro marítimo ou do país (Pinus pinaster) e o de Monterrey ou insigne (Pinus radiata) son os máis frecuentes, e entre os eucaliptos (Eucalyptus globulus) é o máis común, especialmente na faixa litoral.

    Todas estas árbores, como o resto das plantas, levan asociados fungos ás súas raíces (micorrizas), moitos non son específicos delas, é dicir, tamén se poden recoller nas carballeiras e nos soutos. Sirvan como exemplo, as cantarelas (Cantharellus grupo cibarius), as andoas (Boletus grupo edulis) ou as trompetas (Craterellus cornucupioides, negra ou dos mortos, Craterellus tubaeformis, parda, e Craterellus lutescens, amarela).

    Non obstante, algunha especie é específica deles, como é o caso da Laccaria fraterna, asociada aos eucaliptos, ou os níscaros (Lactarius grupo deliciosus) ou os tortullos (Tricholoma equestre e Tricholoma portentosum), aos piñeiros.

    Estas árbores exóticas desenvolven a súa propia cohorte de cogomelos (micobiota), e de feito, sen elas moitos non existirían en Galicia, a pesar de sernos xa moi familiares, como os níscaros ou os tortullos. Micoloxicamente son árbores interesantes, aportan outra micobiota diferente.

    Entre as especies que aparecen nestas plantacións hainas comestibles, como as anteriormente citadas, e unha chea delas que carecen de valor gastronómico. Ás veces son tóxicos, outras son pequenos ou duros e coriáceos, como os asociados á madeira, que ademais teñen pouco sabor.

    Hai persoas que consomen algunha destas especies, como o “políporo xofre” (Laetiporus sulphureus), e din que sabe a polo. Só tres razóns poden xustificar esta afirmación: 1) ter moita fame, 2) non coñecer a que sabe un polo de verdade ou 3) comer cogomelos por comer, non para degustalos. Charlot tamén comía a sola dos zapatos, incluídos os cravos na película The Gold Rush. A fame pode facer milagres.

    Sen embargo, algunha destas especies coriáceas, frecuentes tamén sobre piñeiros e eucaliptos, poden ser consumidas como complemento alimenticio, debido ás súas propiedades nutracéuticas (alimentos completos, ricos en vitaminas e minerais), é dicir, beneficiosos para a saúde.

    Un exemplo desta afirmación é o “políporo cola de pavo” (Trametes versicolor) que parece actuar como revitalízante, carcinostático e estimulador do sistema inmunitario (o que en época de coronavirus ben nos viría). O sabor non ten nada de particular, en cru amarga un pouco, pero, previa desecación, pode sen tomado en infusión. De feito xa está comercializado en forma de cápsulas.

    Este é só un dos moitos exemplos de especies que gastronomicamente non son excepcionais, pero poden ser utilizadas con outros fins.

    28 oct 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.