Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Como preparar de forma axeitada a Selectividade

Cos nervios e o estrés que provocan este tipo de exames, ter uns bos hábitos de estudo e de saúde poden marcar a diferencia nos resultados

A próxima semana comeza a proba da ABAU en Galicia. Miles de estudantes presentaranse despois de cursar o bacharelato ou o ciclo formativo de grao superior. Como adoita acontecer de cara a este tipo de probas, as semanas anteriores están copadas de nervios, estrés e, especialmente, moitas horas de estudo.

Hai que sinalar que, a pesares da tensión e do medo que se lle poida ter a esta proba, aproximadamente o 90% das persoas que se presentan adoitan superala. Pero dependendo da facultade de destino que cada quen teña en mente, as notas de corte poden facer pasar a un por un mal trago os días de longo estudo.

Dentro de todos os posibles métodos que pode un escoller para preparar este tipo de probas, é prioritario levar a cabo unha planificación das tarefas que se van a abordar, tanto por cada xornada de estudo como por semana ou quincenas. É importante tamén conseguir crear un bo entorno para o estudo, alleo ás posibles distraccións como poden ser o móbil ou o ordenador. Ten que ser un espazo tranquilo. Se non contas cun bo espazo na túa casa, igual podes acudir a algunha biblioteca aínda que, neste momento do ano, con oposicións, exames da universidade e a EBAU, pode que teñas que darte un pequeno madrugón.

Cada vez existen máis aplicacións do móbil ou ordenador que te axudan a organizar as longas horas de estudo. Estas novas ferramentas únense ás tradicionais para que se poida preparar a proba de forma adecuada. Tamén existen modernos métodos de estudo, como os famosos Método Pomodoro, Flash cards ou o Método Cornell, ou outros menos coñecidos como o Flowtime, e moitas referencias en internet para atopar cal é o adecuado para os ritmos de cada un.

O Método Pomodoro é un dos sistemas máis coñecidos para organizar o estudo. Unha vez se dispoña dun plan de tarefas e dun espazo adecuado, segundo este sistema establécese unha pauta de tempo de 25 minutos onde levas a cabo o estudo de forma concentrada na tarefa que tes diante. Despois dos 25 minutos, tomas 5 de descanso e volves a comezar o ciclo. Cada 4 pomodoros (25 minutos de estudo máis os 5 de descanso), realízase un descanso máis longo, de 20 ou 30 minutos, desconectando do estudo.

O Flowtime é unha técnica semellante á anterior, con tempos de concentración que poden variar entre 15 e 90 minutos. Unha vez estableces o tempo que consideras adecuado, pos un temporizador e poste a traballar. Se durante ese tempo traballaches de forma concentrada e pensas que podes aguantar un pouco máis, estableces de novo o tempo que consideres que podes seguir traballando correctamente e continúas ate un novo descanso. Esta técnica procura que se aproveiten da forma máis eficiente eses momentos de concentración total, onde consegues estar centrado na materia de estudo sen que che afecte o entorno.

As Flash cards axudan a realizar o estudo dunha forma máis dinámica. Consiste en elaborar tarxetas con preguntas do temario por un lado e a resposta pola outra cara. Axuda a dividir a tarefa en cargas máis pequenas, facendo o proceso máis ameno. Engadindo imaxes ou cores podes facer que sexa un proceso máis visual, e isto pode axudar moito a reter os coñecementos. Tamén as podes utilizar para realizar pequenos concursos con compañeiros e compañeiras para axudarse colectivamente.

O Método Cornell consiste en dividir unha folla en 4 partes. Deixando parte de enriba do folio para o título, establecemos unha parte ampla para cubrir coas notas dos apuntes, e unha parte máis estreita, na marxe, para anotar as ideas importantes. Por último, na parte de abaixo, realízase un pequeno resumo sacando as conclusións máis relevantes do tema. Pode ser que non todos os métodos sexan efectivos para ti. Cada quen require os seus propios tempos e as súas propias ferramentas, polo que o máis importante é coñecer que dinámicas funcionan de forma correcta para cada un.

Falando con María Alonso, mestra de secundaria e bacharelato no IES Adormideras, comenta que “o erro máis común é deixalo todo para o final”, pois cando se adoita levar o curso ao día “a selectividade non é algo que deba angustiar”. A mestra aconsella comprender o contido que co que se está a traballar, evitando “a chapatoria, porque con temarios moi longos é inabarcable”. En canto á contorna, prima moito “coñecerse a un mesmo. Hai rapaces e rapazas que se adaptan moi ben a todo tipo de ambientes e horarios, incluso que se compaxinan con outro tipos de estudos, polo que teñen que xuntar ambas. É unha cuestión de ser autocríticos, coñecerse moi ben, e saber que de entrada a todo o mundo lle favorece un ambiente tranquilo e ordenado, cun horario estable e sensato, permitindo manter as horas de sono. Considera que os métodos comentados anteriormente son “reformulacións das maneiras de estudar que son moi clásicas” adaptables a cada estudante segundo as necesidades da persoa. Como ela di, “É certo que para moitos rapaces e rapazas, o feito de dividir o estudo en tarefas máis pequenas, abarcables e con un final visible, é unha maneira moito máis motivadora de traballar”. Coa cuestión de xestión do tempo “hai rapaces que con estas divisións non chegan tan cansos ao final”. Ter unhas regras ou pautas marcadas dende o inicio, con este tipo de métodos, “para xente que pode ser un pouco máis dispersa pode ser moi útil”.

María aconsella a estas persoas que se presentan a ABAU “en primeiro lugar, ir tranquila, e confiando no que saben, incluso nos contidos que parece que non están tan frescos e no día do exame saen”. Tamén recomenda “que lean ben os enunciados e cunha boa presentación, que pode marcar a diferencia cun corrector que se enfronta ao exame dunha persoa que non coñece”.

Adquirir bos hábitos no colexio o instituto proporciona ferramentas que non só valen para superar a ABAU. Tamén é importante recordar a importancia da saúde, tanto física como mental. Os nervios poden xogar malas pasadas, ou mesmo podes pensar que non estás tendo o día máis produtivo, pero é importante saber atenderse a un mesmo para non verse colapsado. Coidar a alimentación e o descanso é prioritario neste tipo de etapas cun nivel de esixencia tan alto. Preparar este tipo de probas supón tamén aprender que necesita cada persoa para render da forma máis adecuada. Por iso tamén é moi recomendable establecer un tempo para o ocio, para poder desconectar, xa sexa saíndo a pasear ou quedando con amigos ou indo ao salón para falar de outros temas. Aprende que é o que mellor che funciona para estudar, coida da túa propia saúde e intenta deixar os nervios a un lado para afrontar esta proba da mellor forma posible.

02 jun 2021 / 19:27
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.