Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

ComPOPstela

    Unha lembranza directamente asociada á miña nenez é a música. Na casa do barrio de Bedelle, na Estrada, había un vello piano vertical, de adusto ébano. Tamén recordo un violonchelo medio destantarelado e un fagot que se gardaba nun artístico estoxo de caoba e feltro verde. No faiado, había unha sorte de cesto xigantesco de vimbio con tapa do mesmo, que servía para gardar roupa e trastes vellos.

    Mire vostede se sería grande que, naquelas tardes nas que o faiado era o país da maxia, cos meus irmáns e curmáns baleirabamos o inmenso cesto de toda a trapallada que contiña e metiámonos dentro, imaxinando que era, xa unha cabana no trópico, xa un iglú ártico ou xa un camarote do Seaview, o submarino dunha serie americana da época, Viaxe ao fondo do mar, que nos traía tolos. Pois resulta que o tal cachivache de vimbio era nin máis nin menos que a caixa protectora dun jazz-band, ou batería que no seu día tocaba... miña nai!

    Si. As raíces musicais da póla familiar materna son fondas. Meu avó era pianista e director de banda. Mediando os corenta, ao pouco de chegar a familia á vila dende a súa Estremadura natal, refundou a Banda Municipal de Música, que dirixiu ata a súa prematura morte. A avoa, ponderando a habelencia musical do seu home, con esa esaxeración característica dos sureños, aseguraba que aprendeu a tocar o chelo en quince días.

    Como había que gañar a vida, e aproveitando as súas dotes pianísticas, as violinísticas dunha miña tía e as baterísticas de miña nai, o avó fundou a Orquestina Valdés, que, na aburrida vila provinciana dos corenta, amenizaba as tardes e noitiñas nun céntrico café, supoño que a base de valses, cuplés, tangos e tonadillas da época.

    Con estes vimbios, non é de estrañar que cun curmán e outros dous coleguillas a principios dos 70 montáramos un grupo de rock progre (ou iso criamos nós, polo menos) chamado TNT, no que eu, seguindo a tradición, era drummer, e que, a verdade sexa dita, non tivo alá (apuntamento lusófono) grande sucesso.

    Con todo, directa e fondamente influído polos Beatles, eu imaxinaba, co noso equipo cutre, estarmos nos estudos de Abbey Road. Unha guitarra Invicta, que arreaba uns calambrazos tremendos, un baixo de terceira man, tres maltreitas columnas de amplificación asociadas a un aínda máis indefenso amplificador de válvulas marca Óptimus (nos chamábamoslle Pésimus), a miña batería Binter e pouco máis eran abondos, nun local de ensaio no que palmabamos de frío, para facernos felices.

    A luz dunha época recollida con mestría, rigor e fondo afecto por Alfonso Espiño no seu libro Compopstela. Música moderna en Santiago (1954-1978), que vimos de coeditar o Consorcio de Santiago e a Universidade. Obrigado, Alfonso, pola engaiolante viaxe a aqueles marabillosos anos, sorbos de ledicia nun país que fedía a sancristía e mexo seco.

    09 ene 2021 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.