Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O espazo ‘Cos pés na terra’ contará hoxe ovellas na Televisión de Galicia

Cultivará produtos saborosos e descubrirá xogos tradicionais//Ademais, este programa amosará todos os segredos do feltro elaborado con la

Santiago. Cos Pés na Terra ten hoxe unha cita cunha vella amiga do programa, Loli, unha labrega afeita a cultivar produtos saborosos, a traballar en equipo e a vender todo e canto rico sae da súa terra.

Os espectadores tamén coñecerán a Manu, Sara e Leda. O programa estará na súa fermosa casa para descubrir os segredos do feltro feito con la e algún dos xogos antigos que eles mesmos fabrican.

Ademais, o espazo da Televisión de Galicia ten unha cita para contar ovellas, e non para durmir, senón para contar todas e cantas ovellas ten Diego, un gandeiro a quen nunca lle falta axuda dun can máis ca eficiente.

O espazo A Revista, pendente da actualidade relativa ao coronavirus, falará sobre como vai ser a mellora das condicións para a hostalería e a reapertura dos locais e bares nocturnos na fase 3 e en diante da desescalada, respectivamente, con Samuel Pousada Soaje, presidente da Federación de Empresarios de Salas de Festa, Baile e Discotecas de Galicia; con Miguel de la Cierva, propietario do Náutico de San Vicente, e con Lois López, membro da directiva da Asociación Hostelería de Compostela. O magazine conectará tamén, en directo, con outros negocios que poden reabrir as súas portas e organizar eventos con maior capacidade, coma son os ximnasios e os pazos. Para saber máis sobre as medidas que teñen que aplicar para volver á actividade con seguridade, Loly Gómez conversará con Mayca, dona do pazo Vista Alegre, en Vedra, e con Carlos, responsable do ximnasio Forus Lugo.

E como cada luns, o magazine exporá coa xornalista do xornal ABC Patricia Abet e o avogado Evaristo Nogueira os temas de sucesos máis destacables dos últimos días. Amais, estarán no programa Lucía Rodríguez e Adrián Díaz, presentadores de Que nos pille rebolando!, o novo magazine que acaba de estrear a Televisión de Galicia para os sábados á tarde, e a colaboradora e xornalista Carla Reyes.

‘QUEN ANDA AÍ?’ O programa Quen Anda Aí? contará hoxe coa presenza da avogada María Sarabia, que será a encargada de explicar todos os cambios que entran en xogo nesta fase 3 de desescalada, que comeza precisamente hoxe.

Ademais, estará no estudio do espazo da TVG un experto en velutinas, Manuel Romero, que falará dos remedios que existen contra esta praga que tanto afecta ao campo galego.

Pola súa parte, Raquel Pérez conectará en directo desde o Aquarium da Coruña por un dobre motivo: este tipo de recintos pode abrir xa desde hoxe e, ademais, o 8 de xuño conmemórase o Día Mundial dos Océanos. O toque artístico ao programa porao o acróbata Mustafá Danguir, que fará un espectáculo camiñando por unha corda.

Ademais, a CRTVG está levando a cabo unha campaña institucional a través de todos os seus medios, envorcada en promover as recomendacións das autoridades sanitarias. Desde o 12 de marzo, as redes oficiais contan cunha unha mensaxe na biografía co cancelo #Coidémonos, ao que se suma estes días #SairemosXuntosDisto. Os vídeos explicativos distribúense por todas as vías, incluída o WhatsApp.

08 jun 2020 / 17:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.