Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Blanca Ana Roig Rechou // Profesora-investigadora “Ad Honorem” e catedrática de Literatura Galega da USC

“Consello do meu pai: o saber non estorba, axuda a ser persoa, filla”

Blanca Ana Roig Rechou é unha das ensaístas máis relevantes no ámbito da literatura infantoxuvenil peninsular. Catro décadas dedicadas ao estudo desta escrita en Galicia fan dela non só unha pioneira, senón unha referencia de autoridade neste eido. Profesora da Universidade de Santiago durante case medio século, moitas foron as promocións que se formaron ao seu carón e as mellores investigadoras do infantoxuvenil galego teñen sido alumnas súas. Coordinadora da Red Temática de Investigación “Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano” (LIJMI), investigadora principal do Grupo LITER21 da USC, presidenta da Asociación Nacional de Investigación de Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ) e fundadora da Asociación Galego- Portuguesa de Investigación en Literatura Infantil e X/Juvenil (ELOS), a súa presenza prestixia calquera foro da especialidade e así o confirman as numerosas revistas, congresos e outras iniciativas nas que é convidada como figura de honra.

Os seus colegas e compañeiros de profesión rendíronlle unha homenaxe. Que sentiu?

Unha felicidade inmensa. Cariño e recoñecemento de persoas coas que traballei e traballo en distintos ámbitos da cultura, docencia, investigación, xestión e tamén dalgunhas daquelas que formei.

Como comezou a súa ampla traxectoria docente e investigadora? Destacan as súas achegas o estudio da literatura galega en xeral e as da infantil e xuvenil en particular.

Despois de rematar as carreiras de Maxisterio e Filosofía e Letras (sección de Románicas) entrei a impartir docencia na Escola de Maxisterio, daquela, hoxe Facultade de Ciencias da Educación e decateime que o alumnado non coñecía ben a Literatura Infantil e Xuvenil española e menos a galega, por iso fixen a Tese sobre a Literatura Infantil e xuvenil galega e dediquei unha parte grande, da miña investigación, a traballar sobre ela e sobre a doutras literaturas, sen abandonar a dedicación á Literatura galega en xeral coa que iniciei a miña traxectoria investigadora.

Traballa no Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades dende a súa formación, cales son as razóns?

A fundamental, aínda que participei en varios proxectos e mesmo ocupei cargos de responsabilidade nel, foi que me permitiu poñer en marcha dous proxectos que creo foron punteiros en Galicia e fóra dela. Refírome aos Informes de Literatura, un observatorio de e sobre Literatura galega, do que se fai aquí e noutros países, sempre que nos chegue a Nova. É un material básico para estudos sociolóxicos, sistémicos, literarios.... O outro proxecto trátase de “Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil”, que acolle as reunións e traballo da Rede temática de Investigación “Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano” (LIJMI), que se creou no ano 2004 no propio centro. Proxectos nos que sigo a traballar pero agora baixo a dirección de Marta Neira Rodríguez, bolseira do Centro, antes, e actualmente profesora na Facultade de Ciencias da Educación da USC

De Portosín á Universidade compostelá, é “filla” da Galicia profunda? Existe moita diferenza entre os mundos rural e urbano? Cambiou a contorna?

En Portosín aprendín as primeiras letras, despois pasei por Noia onde estudei o bacharelato no colexio de “As Trinitarias”, examinándome por libre no Instituto Rosalía Castro de Santiago, cheguei á Universidade de Santiago, onde fixen Maxisterio, Graduado Social e Filoloxía. Para min a Universidade era unha continuación obrigada, xa que nos veráns nos reuniamos con estudantes de Compostela e doutros lugares. Falábanme das Universidade, invitábanme a ler as súas lecturas e tamén as obrigadas, contábanme experiencias. A miña familia, por circunstancias múltiples, trasladouse a Santiago e xa non quedaba outra que estudar na Universidade e co tempo comprometerme coa miña Alma Mater.

Síntome filla de Galicia, o de profunda depende de como se entenda, remito aos Dicionarios. En Portosín mestúrase o rural e o urbano en boa convivencia. Debido á educación que levei, síntome dunha Galicia aberta que desde Portosín, a través do mar, está conectada con cidades e países do mundo. Vivimos alí experiencias similares as compartidas polo Sinbad, de Álvaro Cunqueiro, e os seus tertulianos, pilotos, da fonda de Mansur.

A contorna en Portosín cambiou moito, non sempre para mellor. Os cambios urbanísticos deixáronnos un “urfeismo” que converteu a Portosín nun porto de mar calquera, perdeu a súa cerna, aínda que a conservemos e intentemos transmitila moitos da veciñanza. A ampliación do Porto era necesaria, pero puido vir acompañada de máis sensibilidade cara á contorna. O meu Portosín segue a ser marabilloso, pero sen varias das miñas praias da infancia e sen o Marmuro, un con do que gardo moitos recordos, porque pasei moitas horas nel xogando e mariscando.

E os estudantes?

Tiven compañeiros e compañeiras excelentes cos que vivín os cambios socio-político culturais que nos trouxo a época e que nos deron amplitude de miras. Naquel momento non coincidín con estudantes de Portosín, pois na década dos sesenta poucos chegaban á Universidade e menos mulleres. A Democracia cambiou aquela situación e hoxe as mulleres son, creo, maioría nas aulas universitarias de Compostela.

Están os estudos de Humanidades de capa caída?

Non están moi ben considerados na actualidade debido á inclinación cara ao “útil”, pero non é novidade cando o banalismo impregna a sociedade. Confio en que non falte moito para que se recoñeza que os estudios de humanidades son instrumentos básicos para educar en sensibilidade, para comprender mellor o outro e comunicar, para saber de dereitos e deberes, pois como dixeron analistas máis cualificados ca min, “los mejores momentos de nuestra cultura –y de la cultura occidental en general- han sido una y otra vez aquellos que se han apoyado en el conocimiento de los saberes humanísticos, en general, y de nuestros clásicos, en particular, pues es a partir de ellos –aceptándolos o rechazándolos, pero nunca ignorándolos- como se puede y debe construir el edificio sólido de nuestro saber” (Antonio Alvar). Creo que co pensamento dos clásicos humanistas podemos comprender o mundo que nos rodea e facelo máis intelixible ás novas xeracións. Pasado e presente en unión.

Hai un panorama cultural e literario vivo en Galicia?

Creo que Galicia hoxe en día responde perfectamente aos intereses culturais que se demandan. Xa non é urxente estar pendente das programacións das grandes urbes para gozar dunha ricaz programación cultural, aínda que sempre é bo saír do campanario, hoxe con máis facilidade polas comunicacións fluídas, ás que podemos engadir, por fin, o AVE. A demostración está no interese que Galicia e a súa programación suscita nos outros.

Respecto á literatura infantil e xuvenil?

Goza de moi boa saúde. Hoxe xa podemos separar as alfaias literarias do monto editorial. Temos moi boas escritoras e escritores que son traducidos, recoñecidos fóra de Galicia e merecedores de prestixiosos premios nacionais e internacionais. A produción literaria para os máis novos na actualidade é variada e cubre todos os xéneros e temáticas e enriquécese, sen complexos, de traducións doutras literaturas.

A dixitalización axuda ou empobrece a lingua?

Non creo que empobreza a lingua, ao contrario, é unha grande axuda, o que ocorre é que trouxo grandes cambios que teñen que ser axudados por unha educación axeitada que se torna escasa, que dá bandazos e non ensina ao cidadán a aproveitar as ferramentas.

Está a lingua galega ameazada pola xuventude urbana?

Hai estatísticas que din que hai ameazas, pero eu como cidadá non as percibo de forma alarmante. Escoito a moitos mozos falar galego con naturalidade, con normalidade, son quen de cambiar de lingua con facilidade, o que demostra o seu coñecemento. A fidelidade a unha lingua tamén parte dunha complicidade social á que se chega polo agarimo cara ao propio, ao que che distingue e que se debe implementar.

Ser muller dificultouna na súa profesión? A que tivo que renunciar?

Ser muller, do meu tempo, levou a renuncias claro está. Non era todo tan doado coma agora, pero avanzamos moito, se miramos o que pasaron as nosas nais e avoas, por exemplo. Profesionalmente non me sentín moi limitada, aínda que a miña carreira se retrasou un pouco por cuestións da conciliación familiar, como lles ocorreu ás mulleres da miña xeración, pero, creo que conseguimos demostrar que as mulleres podemos desempeñar funcións en parcelas que estaban, e aínda moitas seguen a estar, reservadas para homes. O cambio xa se está operando, pero aínda cómpre dar outros pasos para chegar á igualdade, temos que crelo nós mesmas.

O ano da pandemia, como afectou a COVID á súa vida e a seu traballo?

Afectou moito á miña vida persoal, pois os confinamentos oficiais e voluntarios, por precaución, que trouxo a Covid fixeron que se alterase a relación coa familia e amizades, non só aquí senón tamén no mundo.

Ao meu traballo afectou bastante pouco porque, ao xa estar xubilada, non tiña que saír da casa para tarefas programadas. Si perdín sociabilidade con compañeiros investigadores cos que sigo a traballar, pero isto salvouse grazas ás tecnoloxías. Impartín conferencias, participei en reunións e dediqueime a sacar adiante traballos atrasados e algúns novos que entraron.

Cal é o mellor consello que recibiu e de quen?

De meu pai e do seu irmán, os dous sempre me dicían “fai ben e non mires a quen”, “mans que non dades que esperades”, “o saber non estorba, axuda a ser persoa, filla...” xunto a outras frases da sabedoría familiar e literaria que guiaron a miña vida.

03 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito