Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

‘Corremundos’ coñecerá o día a día dos bombeiros

Na visita ao país veciño, tratará de descubrir os segredos do adubo do churrasco perfecto // ‘Zigzag’ falará cos directores de FFoco

O espazo Corremundos, que cada mércores amosa na TVG as diferenzas entre distintas profesións en Galicia fronte ás doutras partes do mundo, viaxará hoxe polo distrito de Aveiro, un Portugal menos coñecido, aínda que igual de fascinante.

O programa pasará un día cun bombeiro portugués, un oficio que esixe enormes doses de sacrificio e solidariedade. E os espectadores verán como un bombeiro da Coruña e os seus compañeiros están sempre preparados para axudar os veciños.

De volta en Portugal, Corremundos seguirá investigando fumes, pero neste caso os que emanan da grella do dono dunha churrasquería. O equipo do programa tratará de desvelar o misterio do seu famoso mollo e que lle conten que leva o adubo do churrasco perfecto.

NON LLE CHAMES AMOR. A limusina do programa Non lle chames amor ponse hoxe de novo en marcha para viaxar á vila lucense de Monterroso, onde Raquel Graña falará das inseguridades sexuais e de como repercuten na nosa vida diaria e na nosa autoestima.

Para isto, o espazo da TVG contará cuns convidados moi especiais: Luísa e Lalo, membros da organización dun festival que aposta pola diversidade sexual, afectiva e de xénero: o Agrocuir; Francisco, un mozo con moito sentido do humor que falará do perigo das redes sociais á hora de ligar, e Marta, unha granxeira último modelo e toda unha referente queer do rural.

A REVISTA. O espazo A Revista interesarase hoxe por un fenómeno crecente: a compra de lentes graduadas a través de Internet. Os espectadores coñecerán o exemplo da empresa Greyhounders, idea do galego Juanjo Ruano, que apostou por crear un modelo de óptica online que se basea no prezo a calidade e o deseño. Os lentes elíxense na súa web, grazas a un tracking facial que lle amosa ao consumidor como lle queda a montura.

Por outro lado, o programa presentado por Loly Gómez contará coa presenza no estudio de gravación da profesora de autoescola Cristina Sinde, que falará da idea que manexa a Dirección Xeral de Tráfico de que os alumnos que obteñan o permiso de conducir cun coche automático poidan conducir despois un con transmisión manual sen necesidade de examinarse de novo, como esixe agora a lei. A DXT cre que así se fomentará o uso e a compra de coches híbridos ou eléctricos, todos dotados de caixa automática.

Tamén estarán hoxe en A Revista o médico Manuel Viso, con novos consellos para o coidado da alimentación e da saúde, o voceiro da OCU, Manuel Vilas, con máis temas de interese para os consumidores, e a xornalista Ana Gayoso, que, unha semana máis, traerá o máis destacado dos famosos nas redes sociais.

ZIGZAG. O programa Zigzag recibirá hoxe a visita de Amador Lorenzo e Juan Varela, directores de FFoco, o Festival de Fotografía da Coruña, que celebra do 4 de novembro ao 11 de decembro a súa sexta edición, en que reflexionará sobre as cicatrices que deixa no territorio a actividade humana. No 20º aniversario do Prestige, recuperará a memoria visual dunha das maiores catástrofes medioambientais da historia de Europa. Ademais, homenaxeará a grandes mestras da fotografía.

Por outro lado, o espazo da G2 ofrecerá unha reportaxe sobre as residencias artísticas da plataforma Vacío Cero, unha empresa de servizos culturais de Pontevedra, e outra sobre o ciclo Blow Up, unha das actividades paralelas do Outono Códax Festival 2022, que se celebra este sábado na Sala Númax de Santiago.

02 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
TVG
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.