Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Cos pés na terra’ adéntrase hoxe no mundo dos bonsais

O espazo da TVG falará cunha gandeira nova afeita a todo tipo de máquinas e os promotores dunha iniciativa de produtos naturais

Cos pés na terra vaise meter hoxe no mundo dos bonsais da man de Alberto, un auténtico experto, co que o equipo do programa da TVG aprenderá a darlles forma, a limpalos e ata a colocalos na casa.

Os espectadores de bo dente están de sorte, xa que o proxecto de restauración de Carmen e Jose vai facer as delicias dos máis larpeiros. O espazo da canle autonómica galega ten reserva para o seu restaurante, alí onde sempre se serve produto cen por cento natural e da casa.

A audiencia coñecerá tamén a Andrea, unha gandeira nova afeita a moverse en todo tipo de máquinas, grandes e pequenas. Esta rapaza leva o orgullo de gandeira ata no seu teléfono móbil.

Por outra parte, a sección TVG do magazine A revista contará este luns coa presenza de Xosé A. Touriñán e David Perdomo, dous dos actores protagonistas da nova proposta de humor que chegará este domingo ao ente público, Catro gatos.

Os dous humoristas, xunto con Fátima Pego e Noemí Rodríguez protagonizarán esta serie ambientada nun bar, que mestura conversa con sketchs cómicos e na que prima a espontaneidade de cada un dos participantes.

No estudio de gravación, a presentadora Loly Gómez coñecerá o catedrático de Análises Matemáticos da Universidade de Santiago Juan José Nieto, que acaba de ser recoñecido pola Real Academia Nacional de Medicina co premio Conde de Cartagena de investigación polo traballo titulado Aproximacións interdisciplinarias e ciencia integral na loita contra a covid-19 e futuras epidemias.

Restaurante galegos na elite. O programa falará de restaurantes galegos destacados na guía Michelin 2022, con Quique Piñeiro e Áxel Smyth, cociñeiros respectivamente da Horta do Obradoiro e de Auga e Sal, en Compostela.

En conexión en directo desde a capital galega, contarase tamén coa presenza de Manolo García, xerente do restaurante Don Quijote.

E finalmente, na súa habitual sección de sucesos, estarán na mesa de A revista a xornalista Patricia Abet e o avogado Evaristo Nogueira.

Polo que se refire ao segundo canle da CRTVG, Zigzag regresa este luns á G2 cunha entrevista a Dolores Troncoso, catedrática de Literatura Española da Universidade de Vigo, que falará de Camilo José Cela no día en que se cumpren vinte anos do pasamento do Nobel de Literatura.

Outro dos nomes propios deste luns é o do director de cine asturiano Gonzalo Suárez, que recibiu no último Festival de Xixón un premio ao conxunto da súa carreira e co que falará o espazo presentado por Mon Santiso.

O espazo visitará no CGAC a exposición Walking East, de Hamish Fulton, que comezou a ser coñecido na década dos sesenta como integrante dun grupo de artistas británicos que exploraba novos xeitos de entender a escultura no contexto da desmaterialización do obxecto artístico.

A práctica de Fulton caracterizábase polo seu desexo de establecer unha relación intensa coa natureza mediante o acto de camiñar, que converteu no centro da súa obra. A súa mostra, artellada arredor deses percorridos por distintas zonas, reúne unha selección de fotos, debuxos e esculturas realizados durante ou a partir de camiñatas.

Marta Gómez falará das propostas de Pura Mestura, o proxecto da vilagarciá Yolanda Pose; o rapeiro de Viveiro XMaseda, que arrasa co Paparrexo, e EQX.

17 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.