Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

‘Cos pés na terra’ mantén unha cita coa pataca de Coristanco

O programa da TVG tamén amosa un proxecto ecuestre cheo de amigos e fai unha visita á comunidade de montes de Couso

O programa Cos pés na terra, que emite cada semana a Televisión de Galicia permite ós telespectadores seguir historias humanas apaixoantes de esforzo e tesón, con humor e simpatía, que achegan ás casas da súa audiencia a opción inequívoca de quedar na terra como medio de desenvolver o traballo.

Tres protagonistas, tres historias, tres vidas distintas entrelázanse en cada programa en función do contraste que presenten. Así, estará o que vive só e o que ten familia numerosa; o que recupera labores e produtos tradicionais xunto ao que innova ou opta polo exótico; o prudente e o botado para diante; o novato e o experto; o que ten a cidade a un paso e o que vive lonxe de todo.

En cada entrega pódense vivir de preto as pequenas e grandes historias destes homes e mulleres que apostan por construír a súa vida no campo e como saen adiante cada día, con esforzo e esperanza.

Cos Pés na Terra comeza o programa deste luns ao galope. O espazo da TVG amosará

o proxecto ecuestre de Sara, Mar e Edu, tres rapaces de fóra que atoparon en Galicia o

seu recuncho no mundo, un recuncho cheo de amigos.

O programa tamén visitará a comunidade de montes de Couso. Da man do seu presidente, Xosé Antón, descubrirá algunhas das iniciativas para sacarlle rendemento ao

territorio a base de froitos, cogomelos e baños.

Ademais, Cos Pés na Terra ten esta noite unha cita cun produto mítico: a pataca de Coristanco. Os espectadores coñecerán a Miguel, o seu produtor, co que traballarán a pé de leira e co que descubrirán o ‘lavapatacas’, un invento de seu sogro.

zigzag. Pola súa banda o programa Zigzag, que emite a G2, comezará a semana falando no estudio co catedrático e investigador Germán Labrador, que publicou na Revista de Estudios Rosalianos o artigo Églogas comunais. As paisaxes fundacionais de Rosalía de Castro como lugares de memoria (1863-1884). O espazo tamén se achegará á Fundación Barrié da Coruña, que acolle, en primicia para España, a exposición Téxtiles de artistas, organizada polo Fashion and Textile Museum de Londres, un percorrido histórico a través de teas creadas por algúns dos artistas máis influentes do século XX, como Picasso, Miró, Warhol, Dalí e Matisse, entre outros.

Zigzag tamén vai levar ás pantallas da segunda canle da TVG este luns unha reportaxe sobre os últimos traballos da cineasta e fotógrafa Carla Andrade, que formula a súa propia linguaxe-realidade xerando contido e pensamento a través da forma e a experiencia estética.

14 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.