Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Crece nun 10 % o número de bibliotecas en Galicia

Este incremento produciuse nos últimos cinco anos, no que se suman 304 centros que ofrecen sete millóns de documentos

A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia medrou nun 10 por cento no último lustro. Así se desprende do informe presentado onte no Consello da Xunta sobre o traballo destes centros, que suman un total de 304 e ofrecen unha colección global de 7 millóns de documentos. Inclúense tanto as xestionadas pola Xunta de Galicia como todas aquelas de titularidade municipal ou privada que se comprometeron, mediante convenio de colaboración, a cooperar cos obxectivos de mellora que se perseguen na rede.

En concreto, entre os anos 2017 e 2021 incorporáronse 21 bibliotecas municipais e as especializadas da Deputación Provincial de Ourense, a A-grupación Folclórica Queixumes dos Pinos de Ourense, o Colexio Oficial de Médicos de Ourense, a Fundación Eugenio Granell e a Fundación para o fomento do coñecemento da construción naval e das actividades marítimas Exponav. Estas incorporacións trouxeron consigo que na actualidade todas as bibliotecas municipais que prestan servizo activo en Galicia se atopen xa integradas nesta Rede de Bibliotecas de Galicia.

A dixitalización e innovación das bibliotecas é outro dos aspectos salientables do último lustro. Destaca o impulso realizado entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Amtega, a través dun programa de xestión único para toda a rede, co que a día de hoxe contan 287 bibliotecas, das cales 262 son públicas e 25 especializadas. Trátase dun sistema que supón que todas elas teñan un carné único de lector, válido para todas as bibliotecas da rede, e contén tamén cun catálogo único.

Na actualidade o proceso de cobertura territorial deste sistema está avanzado, aínda que non rematou. Prevese continuar coa dotación ata acadar ao 100 % das bibliotecas activas neste momento e das de nova creación que se vaian poñendo en funcionamento.

No ámbito da dixitalización e da innovación tamén se menciona no informe como fito salientable a boa resposta do sistema de préstamo de libro electrónico, GaliciaLe, que incrementou o número de usuarios de 3.236 a 19.411 nos catálogos de galego e castelán.

Ademais, o 2020 foi o ano da súa consolidación ao constituírse como un servizo capaz de atender as necesidades de lectura e de lecer da cidadanía durante o confinamento.

Falando en cifras, incrementouse o préstamo un 209 por cento no catálogo en galego e un 158 por cento no de castelán só en 2020.

Fucionamento
Melloras e avances

···Mellor planificación. A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia avanzou coa creación dun primeiro mapa de bibliotecas públicas en 2016 que serviu como base do diagnóstico e das actuacións prioritarias.

···Máis axudas municipais. Apoio a través de catro liñas de axudas para favorecer tanto os servizos bibliotecarios municipais como os sectores da produción editorial, as librarías e o tecido empresarial da dinamización cultural en galego.

···Rede de Bibliotecas. Está formada polas bibliotecas dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade cun investimento de 7 millóns de euros.

08 jul 2021 / 18:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.