Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Crtvg emitirá o festival luso da Cançao, o camiño a Eurovisión

Ofreceráse en ‘streaming’ a través de Twitch e en directo pola G2// Xosé Ramón Gayoso homenaxea a Pedro Brandariz

Despois de entregarse por completo coas Tanxugueiras no seu intento de representar a España no Festival de Eurovisión, a Crtvg achegaralles aos espectadores galegos o Festival da Canção, co que a RTP, a televisión pública portuguesa, escollerá o tema que o país veciño levará a Turín o vindeiro mes de maio.

A Televisión de Galicia ofrecerá en streaming, a través da plataforma Twitch, as dúas semifinais do certame, que se celebrarán o 5 e o 7 de marzo. A gran final, que terá lugar o día 12, ademais de en liña, tamén se poderá ver en directo pola G2.

As tres emisións serán comentadas por Esther Estévez e Rodrigo Paganelli, protagonistas do #ApuntamentoLusófono do #DígochoEu, a conversa semanal que ambos os dous manteñen no Twitch, en que ela trata de aprender portugués e el, galego.

Estas retransmisións, acollidas con grande expectación pola comunidade eurofán, serán posibles grazas á colaboración que desde fai anos existe entre a TVG e a RTP.

Esta colaboración queda reflectida na coprodución de programas, de series de ficción e tamén no intercambio de contidos, aos que se suma agora o Festival da Canção, o histórico concurso anual organizado desde 1964 pola televisión pública portuguesa co obxectivo de escoller a canción que representa cada ano a Portugal no Festival de Eurovisión. Este ano, 20 artistas competirán por coroarse e conseguir o billete para Turín, onde os vindeiros 10, 12 e 14 de maio se celebrará o 66º certame europeo da canción.

marta sánchez, en ‘luar’. O equipo de Luar comezará o seu tempo na Galega dedicándolle unhas sentidas verbas esta noite o humorista e colaborador do programa Pedro Brandariz, falecido esta semana. Por outra parte, esta é noite de eliminación no certame de novos talentos Recantos. Tras a competición artística de Carminha (Vigo) e Mixel (Galicia centro), dous dos recanteiros desta tempada deberán abandonar o concurso.

Este venres terá un peso destacado en Luar Marta Sánchez, que traerá algúns dos seus temas máis recentes e de máis éxito ao longo de todo o programa.

A galega, unha das grandes da música pop, con 36 anos de carreira ás súas costas, atópase inmersa na súa xira A solas con Marta, en que apoiada só polo piano, canta temas de Barbra Streisand, Antonio Vega ou Frank Sinatra.

O garage sesenteiro e as letras contundentes de Familia Caamagno regresan a Luar para presentarlle á audiencia Xuntos, o primeiro sinxelo de adianto do que será o seu novo álbum, tema que hoxe acaban de lanzar.

Tamén o músico e investigador da tradición popular musical oral Xurxo Fernandes animará a presente edición, acompañado das voces e pandeiretas do grupo PanSenFron (Panedeireteiras sen Fronteiros). O coruñés ofrecerá algúns dos temas que recolle no seu último traballo discográfico: Levaino!

A diversión e as ganas de pasalo ben continuarán coas actuacións da orquestra Grupo JB Son, a compostelá Sofía Rial e do Obradoiro de cultura tradicional Chorima.

O programa dedicado a Tabeirós-Terra de Montes.

25 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.