Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cultura cuadruplica o apoio ás bandas de música populares

Facilita a programación de preto dun centenar de concertos entre xuño e setembro

SANTIAGO. A Xunta de Galicia cuadriplica este ano a súa colaboración coa Federación de Bandas de Música Populares coa intención de contribuír ao mantemento da actividade deste colectivo e programar un mínimo de 94 concertos no marco das actividades de verán do Xacobeo 21-22. Así se formalizou este luns nun acto de sinatura de convenio entre o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente da entidade, Iván Estévez.

“As bandas de música populares son o berce da nosa cultura musical e nun momento de especial dificultade como este temos que facilitar o seu encontro co público”, indicou Román Rodríguez. Por iso, o convenio -que ascende a 400.000 euros- fará posible levar a cabo, o programa O país das bandas que posibilitará levar a cabo preto dun centenar de concertos entre xuño e setembro. Están chamadas a participar todas as bandas galegas, tanto federadas como non federadas, que suman preto de 5.000 instrumentistas, con recitais que se distribuirán por todo o territorio galego. Un terzo do programa será con obras de autoría ou temática galegas.

O calendario de concertos que deseñará esta Federación complementará e enriquecerá a oferta cultural do Xacobeo 21-22, sumándose aos actuais circuítos e redes que xa están en marcha ou que se activarán proximamente por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade: a Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Rede Galega de Música ao Vivo, Cultura no Camiño ou FEST Galicia, entre outros.

MAIOR VISIBILIDADE PARA O PÚBLICO. O conselleiro expresou que, polo seu alcance social e xeográfico, este ciclo será o eixo central da colaboración da Xunta deste ano coa Federación, pero non a única. De feito, tamén se dará continuidade ao Concurso de Composición (seccións infantil, xuvenil, primeira, segunda e terceira), ao que poden concorrer persoas de calquera procedencia, sempre que presenten obras orixinais e inéditas sobre temática galega. “A nosa intención é incrementar cada vez máis o repertorio musical de autoría galega para ser interpretado especificamente por bandas”, expresou.

A dixitalización do traballo das bandas populares é outra das accións que se levarán a cabo. Así, crearase un espazo de xestión integral que permita levar a cabo diferentes comunicacións internas e externas. Esta plataforma será a “canle idónea”, indicou o conselleiro, para todos os trámites federativos, formalizar inscricións en certames e festivais e obter informes e estatísticas, pero funcionará así mesmo como un espazo de libre acceso para o público xeral para obter información sobre a música bandística. “Pretendemos contribuír a mellorar a visibilidade do traballo específico de cada formación e do labor xeral que realizan as bandas de música populares galegas no seu conxunto”, indicou.

Con esta colaboración enmarcada no Plan de Reactivación Cultural, a Xunta dá continuidade ao seu apoio á Federación Galega de Bandas de Música Populares como unha entidade que promove a cultura galega a través do fomento deste tipo de música e actúa como centro para o desenvolvemento e administración de información, educación e divulgación das formacións que agrupa e da que as bandas de música forman parte desde hai máis de 100 anos. ECG

04 may 2021 / 12:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.