Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

‘Dalia, a modista’ salta da televisión á novela da man de Noe Martínez

A trama de misterio, ambientada na vila de Prescedo, pon a protagonista no centro da historia // O libro, á venda a partir de hoxe nas librarías, foi presentado no Gaiás

A produtora CTV, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a CRTVG presentaron este xoves no Centro Emprendemento Creativo da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago, a novela Dalia, a modista. Presidiron o evento o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez; o produtor executivo de CTV e guionista da serie de televisión, Ghaleb Jaber Martínez; o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias; e a autora da novela e tamén guionista da serie de televisión, Noe Martínez. Tamén asistiu ao acto parte do elenco da serie, como a actriz protagonista María Mera, e o actor Manuel San Martín.

A novela Dalia, a modista foi escrita por Noe Martínez (Ourense, 1975), unha das guionistas, xunto a Eligio R. Montero e Ghaleb Jaber Martínez, da aclamada serie de televisión de TVG –creada por CTV e emitida en 2016–, que recibe o mesmo nome, e que conquistou o corazón de miles de espectadores en todo o mundo. Agora, Noe Martínez novelou esta trama de ficción televisiva para levarnos de novo á pequena vila de Prescedo.

Ghaleb Jaber Martínez agradeceu o apoio da Xunta de Galicia, CRTVG e o traballo de todo o equipo de CTV. Ademais, matizou que se trata dun proxecto editorial de grande innovación no que se transformou unha serie de televisión en novela, grazas ao esforzo de adaptación do guión en literatura realizado por Noe Martínez, polo que animou aos lectores a “redescubrir e descubrir algo novo desta historia”.

Así, para refrescar a trama proxectouse un vídeo para promover a novela, baseada na exitosa serie de televisión que “conquistou o corazón de miles de espectadores”, segundo narra a frase promocional. Jaber Martínez anunciou tamén que o libro estará a venda a partir de hoxe nas libraría de Galicia.

INTERNACIONAL. Volvendo a vista atrás, Jaber Martínez lembrou que coa serie Dalia, a modista CTV arrancou unha nova etapa, conseguindo que unha produción en galego se vise en América Latina, Estados Unidos e Europa, ofrecendo así ao audiovisual en galego a posibilidade de viaxar. Pola súa banda, Noe Martínez explicou que o proceso creativo e de adaptación do guión á novela significou unha viaxe á inversa, “do universo creado e sentido en imaxes ao mundo das palabras, sempre rico e único, co que hai que transmitir emocións xa contadas, coma se fosen novas”.

O reto para Martínez foi camiñar polo camiñado, sen esquecer que o lector merece non perder a ilusión das primeiras veces, aquilo de “xa sei que sabes, pero deixa que cho conte”. A súa máxima centrouse en todo momento en non disfrazar os personaxes, tan rotundos como orgánicos, que tan ben encaixaban no guión da serie. “Contención, rigor, respecto e verdade, xogar con eles en situacións xa vividas na pantalla, pero que na linguaxe literaria cobran un vigor e unha tensión absolutamente nova e persoal” –indicou–.

TRANSFORMACIÓN. A autora manifestou que o proceso de transformación do guión visual ao literario respondeu sempre ás pautas de comprensión das tramas verticais e horizontais dos distintos capítulos da serie, para extraer os elementos dinamizadores do posterior relato literario.

Pola súa parte, Xaime Arias amosou a satisfacción que supuxo para a CRTVG participar neste libro porque implicou explorar e innovar. “Os paradigmas cambiaron na comunicación de ficción, nas plataformas, na televisión lineal e á carta”, engadiu.

Mentres, o secretario xeral de Política Lingüística destacou “a importancia de que a literatura galega se incorpore a unha das tendencia emerxente nestes momentos, como son as novelas e os relatos literarios xurdidos a partir das series televisivas de éxito”

A serie prográmase en TVG2 desde o mércores ata o venres desta semana, a partir das 17.30 horas, ademais de estar dispoñible na sección Á Carta, Galicia en series da web de CRTVG.

15 sep 2022 / 21:39
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito