Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Descobren un valioso bronce votivo no Castro de Viladonga

Segundo a opinión dos expertos, trátase dunha machada coa decoración máis rica das atopadas deste tipo en toda Galicia

O castro de Viladonga segue a dar sorpresas practicamente 50 anos despois do comezo das primeiras escavacións. Neste caso, veñen de concluírse as investigacións que confirman o achado dunha pequena machada votiva de bronce asociada a rituais de sacrificio.

A devandita peza, de apenas 13 centímetros e 22 gramos de peso, foi atopada nas escavacións arqueolóxicas impulsadas pola Xunta de Galicia e correspondentes á campaña 2019-2020, durante os traballos no alxibe monumental. En concreto, no fondo, sobre as escaleiras de acceso ao depósito aparecía unha peza de bronce asociada a outros materiais, principalmente cerámica, ósos e restos de carbón. As análises do material orgánico recollido na campaña anterior confirmaron que se trataba dunha construción castreña prerromana do século III a. C., anterior polo tanto á construción da muralla do poboado. A peza poderá ser contemplada en breve neste museo xestionado pola Consellería de Cultura e Turismo.

Ao respecto do bronce, cómpre dicir que se trata dunha gran descuberta pola escaseza destas pezas e a súa profusa e complexa decoración. Non é a primeira vez que se encontran machadas sacrificais en Galicia, de feito hai achados análogos en Cariño, Lalín, Mondoñedo ou Cervo; pero, a dicir dos expertos, esta é probablemente a machada votiva cunha decoración máis rica. Así, no colgante desenvólvense moitos dos elementos comúns a estas pezas, como a propia machada, os sogueados ou o torques, ademais dun prótomo de touro, un xabaril na zona mesial, e un prótomo de carneiro na zona distal.

O colgante está relacionado con ritos de sacrificio desenvoltos na segunda Idade de Ferro no noroeste peninsular e enriquece o material ergolóxico do Castro de Viladonga. Tanto a machada como o alxibe recentemente descuberto son novas atraccións para o visitante nun xacemento cada vez más rico e espectacular que, campaña tras campaña, ofrece novos achados.

O Castro de Viladonga é un dos xacementos arqueolóxicos máis senlleiros de Galicia. Ocupa o cumio dun monte desde o que se contempla a Terra Chá lucense e as serras de Monciro, de Pradairo e Meira.

A importancia arqueolóxica e o interese histórico de Viladonga púxose de relevo a raíz das escavacións iniciadas en 1971, tanto pola monumentalidade e diversidade das estruturas descubertas como pola cantidade e calidade dos materiais recollidos.

17 jun 2020 / 19:32
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito