Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

das plantas na súa vida no bosque

Cen sementes que voaron trátase dunha historia que reflicte a condición teimuda da natureza e que refire os diferentes mecanismos con que contan as plantas para se propagar. Coa imaxe do voo de cen sementes espalladas por un piñeiro senlleiro, Isabel Minhós Martins (Lisboa, 1974) condúcenos por unha narrativa en forma de conta atrás na que vai restando números á cantidade inicial e relata as vicisitudes que pode sufrir unha semente no bosque: caer no río, ser comida por un peixe, aterrar nas rochas, rematar no ventre dun esquío... Cada páxina que ollamos trae unha mala nova e cada vez van quedando menos sementes. Perderanse todas? Terá mala sorte a árbore e non xerminará semente ningunha?

As ilustracións deste álbum, realizadas por Yara Kono (Sao Paulo, 1972), son imaxes de cores intensas, realizadas con formas ríxidas simples e que permiten configurar unhas composicións moi versátiles. En cada páxina hai saltos de plano imprevistos, que nos levan a transitar desde unha panorámica do bosque ata o interior dunha semente furada por insectos; desde o debuxo dun neno ata a representación urbana dunha rúa; do primeiro plano dunha pinga ata a imaxe dunha nena que chora.

A edición en galego deste álbum ilustrado está a cargo de Editorial Galaxia, que nos achega o proxecto orixinal da portuguesa Planeta Tangerina. Nunca foi tan necesario fomentar o interese da rapazada cara ao relacionado co medio ambiente, xa que este tipo de actitudes non xorden de xeito doado dentro dunha aula.

Nas escolas cómpre ter recursos de calidade que favorezan o diálogo sobre o respecto e a sensibilidade que a nai natureza espera de nós, como é o caso desta obra que, ademais das súas bondades literarias e artísticas, suscita atracción cara ao que ocorre no bosque, propoñendo tamén unha forma lúdica de achegamento ás matemáticas.

mariavidal@usal.es

07 sep 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito