Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Díaz Pardo e a curiosa veciñanza da Alameda

Hai uns días celebrábase o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo (1920-2012) en Santiago. O intelectual galeguista conta dende principios de mes cunha estatua ubicada na Alameda, inaugurada polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, precisamente como homenaxe por tan significativa data, nun acto ao que asistiu un dos fillos deste cultivador de facetas, Camilo Díaz Arias, e o propio autor da obra, César Lombera. Xa leva pois o tamén fundador do Grupo Sargadelos uns cantos amenceres no emblemático parque compostelán, sentado nun dos seus bancos de pedra, ollando cara unha das mellores estampas que ofrece a cidade, a Catedral.

Non sei cantas veces trataría de mirar de esguello a outra figura coa que comparte a mesma vista, aínda que dende unha perspectiva un pouco diferente. Ramón María del Valle-Inclán (1866-1936) leva de pernas e brazos cruzados observando o panorama no comezo do Paseo dos Leóns dende 1999, e así está porque así o inmortalizaron en posición calma, mais el non había quedar de brazos cruzados ante todo o que acontece ao seu arredor. Quizais se alegrara de que un pouco máis adiante, subindo as escaleiras metálicas, que non mecánicas (a Alameda segue a ser moi enxebre), se parara a reflexionar como novo veciño o pintor e editor, aínda que está prevista unha futura mudanza. Dous pensadores, dúas épocas, e un mesmo horizonte. Ai! se cobraran vida estas dúas esculturas creadas pola mesma man! Que se contarían? Como analizarían estes tempos de pandemia? Ocórrenseme algunhas conversas que non podo plasmar porque bastante de tola podo quedar xa imaxinando a dous ilustres personaxes vivindo ás súas anchas polo pulmón verde da nosa urbe como se o tempo de cada un non pasara, como se viviran o pasado confinamento tan tranquilos respirando aire puro con acougo e dándolle algunha que outra volta á cabeza.

Non puiden evitar crear a imaxe na miña mente de Maruxa Fandiño (1898-1980) e Coralia Fandiño (1914-1983) levándolle unhas máscaras a cada un para protexerse dos virus, deste e de calquera outro de calquera índole que teñamos que respirar. Pensei na cor ou no estampado que lle poñerían as Dúas Marías, instaladas na entrada desta zona verde dende Porta Faxeira en 1994, ás súas facianas de bronce, a modo da bufanda vermella que cada ano nunha homenaxe lle coloca a Fundación Granell a Valle-Inclán. Non quero ter ideas desorbitadas, pero todos veñen sendo creación de Lombera... Por certo, que as coloridas irmás, que xa levan catro cambios de look, son as protagonistas das fotografías de Santiago que máis circulan polo mundo. Punto de visita obrigado para turistas, punto de quedada para os locais.

Dubido se as Marías se achegarían algunha vez a Casto Méndez Núñez (1824-1869) ou se lles daría demasiado respecto. Non o digo por nada, simplemente porque hai presenzas que impoñen máis que outras. Non é o mesmo atoparte cun señor tomando o fresco nun banco que a un mariño uniformado subido no alto dunha peaña de pedra no medio dun estanque, coas torres da Igrexa do Pilar de fondo para darlle máis ímpetu ao cadro. E é que sí, facer un percorrido pola Alameda dá para toda unha aventura, vista a curiosa veciñanza que a habita, máis alá da bonita paisaxe, as vistas, as árbores e demais recunchos cos que se poden crear miles de historias mentres das un agradable paseo. Tamén Rosalía de Castro (1837-1885) proxecta imaxe de grandiosidade porque forma parte dun conxunto monumental na zona do mirador que dá ao Campus Sur. Aínda ten un bo treito para chegar e envolver de morriña a Valle-Inclán e Díaz Pardo, podendo levar con ela ao personaxe popular da Leiteira, que dende 1930 permanece pétrea ao final do Paseo das Letras Galegas.

A verdade é que o tema das esculturas cambiou moito dende os seus primeiros poboadores na Alameda. Rosalía dende 1917, Méndez Núñez dende 1885. Sen esquecernos que aínda hai outro membro de calado para formar unha tertulia xeitosa en calquera tardiña de verán. Castelao (1886-1950) descansa literalmente (ou literariamente) dentro de Galicia ás costas de Díaz Pardo, subindo cara Santa Susana. Mira ti, foi un dos seus referentes e agora veciños, Cousas da Vida.

30 ago 2020 / 00:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito