Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dúas novas liñas de axudas para as editoriais e os creadores literarios

Facilita que as obras cheguen aos lectores, xa que sufragan os gastos de edición, distribución e comercialización // Conta cun investimento superior a 200.000 euros

A Xunta de Galicia vén de abrir dúas novas convocatorias de axudas para facilitar o traballo de editoriais e profesionais da escritura, ilustración e tradución por un importe global superior ás 200.000 euros. Por un lado, ábrese a liña de axudas dirixida ao sector editorial galego co obxectivo de impulsar a distribución das obras editadas e, deste xeito, facilitar que cheguen ao público lector.

En concreto, como se pode consultar no Diario Oficial de Galicia, as axudas van dirixidas á edición, distribución e comercialización das súas publicacións. Entre os gastos subvencionables están os derivados de actividades como a tradución e corrección, revisión, maquetación, custos de preimpresión, impresión e dixitalización, accións de comercialización como campañas de márketing e publicidade en diferentes medios e canles ou gastos de distribución.

Á convocatoria poden presentarse as empresas editoriais que desenvolvan a súa actividade en Galicia, e os libros obxecto de axuda deberán cumprir cunha serie de requisitos como estaren editados en Galicia e comercializados a través de librarías ou doutras plataformas de distribución física ou dixital, contar unha tiraxe mínima determinada nas bases; ter un plan de distribución e comercialización en España ou fóra de España; ser a primeira edición dunha obra inédita ou ben dunha obra cuxa última edición na lingua que se propón publicar teña unha antigüidade de máis de 15 anos, e posuír un mínimo de páxinas por exemplar, entre outros.

A orde tamén especifica os criterios de reparto das contías en función dunha serie de porcentaxes segundo o investimento presentado para cada publicación. En todo caso, cada editorial poderá solicitar axudas para un máximo de 20 libros e o importe máximo adxudicado a cada unha delas non superará os 30.000 euros. O prazo para solicitar as axudas remata o 1 de agosto.

Dinamización do sector. Por outro lado, o Diario Oficial de Galicia tamén informa da apertura da convocatoria das axudas a escritores, ilustradores e tradutores para que poidan participar nas distintas actividades que se realicen no sector do libro como feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros e estadías creativas que se celebren ao longo deste ano co fin de favorecer a promoción do libro galego.

Os requisitos para poder beneficiarse destas axudas son ter asistido e participado nunha actividade subvencionable realizada no sector do libro fóra de Galicia no prazo establecido na presente convocatoria, acreditar o desenvolvemento do seu traballo no sector do libro na Comunidade e ter publicado algunha obra en Galicia como escritor, ilustrador ou tradutor nos últimos tres anos.

Para estas axudas, a Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades destina un importe de 30.000 euros para o financiamento dos gastos da viaxe referidos a aloxamento e transporte. O prazo de presentación estará aberto ata o vindeiro 31 de outubro e os interesados deberán enviar o formulario, preferiblemente por vía electrónica, que está dispoñible na sede electrónica da Xunta. Só poderán solicitar axudas para asistir a unha única feira o festival internacional.

Intensas medidas de apoio AO SECTOR EDITORIAL GALEGO. Ademais das axudas á distribución e ás feiras a Xunta mantén tamén outras convocatorias para o sector do libro como as dirixidas ás librarías para o apoio á difusión da lectura, ou o apoio ás Feiras do Libro de Galicia con 13 paradas en distintas cidades e vilas ata o mes de agosto, o impulso á dinamización da lectura nas bibliotecas municipais, tradución de obras, adquisición de novidades editoriais e subvencións ás empresas editoriais que acadan en conxunto os 1,6 millóns de euros. Ademais, este ano retomouse a a promoción exterior das letras galegas a través da participación en festivais e feiras internacionais ou iniciativas como as residencias literarias de intercambio profesional, entre outras.

Proceso de edición

··· Distribución: transporte e calquera actuación que permita a chegada da obra ás canles de difusión, sexan físicas ou dixitais.

··· Comercialización: campañas de márketing e/ou publicidade en diferentes medios ou canles.

··· Considéranse gastos de edición, os de autoría, corrección, revisión, maquetación, custos de preimpresión e de impresión, dixitalización ou calquera outro gasto de similar natureza.

04 jul 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito